Baleira pecha a proveitosa campaña Toponimízate 2026
A rapazada do CEIP Concepción López Rey de Baleira será a encargada de baixar o pano á campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra deste ano 2026. A última cita co programa divulgativo sobre o valor cultural da nosa toponimia tradicional e a súa salvagarda a través das novas tecnoloxías terá lugar ás 12:00 horas, no propio centro de ensino, e será presentada polo alcalde deste municipio, Ángel Enrique Martínez-Puga López, xunto co director do centro, Pablo Abuín.
Esta campaña formativa da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua visita unha vez máis ás terras de Burón tras o seu paso polo concello da Fonsagrada no ano 2022. Desta vez regresa coa intención de concienciar a rapazada do importante papel que desempeñan na conservación dos nomes da súa terra. A súa xeración é a que pode garantir que perdure un patrimonio cultural inmaterial grazas á habilidade que teñen usando as novas tecnoloxías, neste caso a aplicación colaborativa Galicia Nomeada. Os portadores do coñecemento do territorio que ocupan as súas aldeas e parroquias son os seus avós e avoas, ademais dos seus veciños; por tanto, poden preguntarlles por eles e subilos a través dun ordenador ou dun móbil ao visor de Galicia Nomeada.
A charla en Baleira vén motivada pola necesidade de ampliar o traballo de recolla realizado no concello desde o lanzamento da plataforma Galicia Nomeada en 2019: desde aquela, só hai rexistrados 217 novos topónimos no seu termo municipal, achegados por 6 persoas colaboradoras. Nalgunhas das súas parroquias, como A Lastra ou A Esperela, só se recolleu un topónimo novo e ningún nas freguesías de Librán, Pousada, Córneas, A Degolada ou A Fontaneira. A esta circunstancia cómpre sumarlle que neste concello lugués non se fixo traballo de campo na época do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), cando este estivo activo entre os anos 2000 e 2011. Por tanto, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento a toda a poboación interesada no noso patrimonio cultural para que acudan a este encontro.
Con esta finalidade, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, centrará os contidos do seu relatorio en explicarlles ás persoas asistentes o funcionamento da plataforma colaborativa na que están implicados ducias de centros de ensino do país e milleiros de colaboradores. Verase con detalle todas as posibilidades que ofrece esta aplicación para a recolla de nomes de leiras, montes, camiños, regos e outros microtopónimos que corren o risco de perderse: como introducir un novo topónimo, a información que sexa de interese sobre el (lendas, descricións...), un arquivo de son coa súa pronuncia, imaxes que o ilustren...
Para rematar, Vicente Feijoo explicará tamén a orixe e significado dos topónimos das parroquias e aldeas de Baleira, traballo para o que conta coa imprescindible colaboración do académico e tamén membro do Seminario de Onomástica Gonzalo Navaza. Tamén de debaterá sobre a etimoloxía do nome do concello, Baleira, pois existe moita documentación antiga onde aparece como A Valeira, con artigo e coa grafía <v>. O Seminario de Onomástica da RAG xa manifestou que estarían dispostos a aceptar a modificación do topónimo oficial se a corporación municipal o solicita formalmente, pois existen argumentos científicos abondo para realizar o cambio.
Sobre Toponimízate
Dende o ano 2017, a Secretaría Xeral da Lingua en colaboración coa Real Academia Galega están ofrecendo charlas divulgativas por medio do programa Toponimízate en concellos, colexios, asociacións culturais e centros de maiores sobre o valor cultural da toponimia galega e a necesidade de colaborar na súa recolleita a través da plataforma Galicia Nomeada. Baleira será o concello número 120 en que se realiza esta iniciativa; unha campaña que terá continuidade no vindeiro 2027 noutros 12 concellos galegos.