A rapazada de Baleira púxolle o ramo á proveitosa campaña Toponimízate 2026

A proveitosa edición do ano 2026 da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra baixou o pano o pasado venres 30 de outubro logo de percorrer Galicia de norte a sur e de leste a oeste para levar a mensaxe do valor patrimonial da nosa toponimia a doce concellos das catro provincias galegas. Ducias de persoas de todo o país sumáronse á iniciativa coa que a Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta están informando a poboación de como poden participar de forma activa na salvagarda do noso patrimonio inmaterial toponímico a través da aplicación colaborativa Galicia Nomeada. 

Foi a rapazada do CEIP Concepción López Rey do Cádavo a encargada de pechar a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra deste ano 2026. A acto foi presentado polo alcalde do concello, Ángel Enrique Martínez-Puga López, que actuou como mestre de cerimonias e escusou a ausencia do director do centro, Pablo Abuín, por atoparse de baixa médica. O rexedor baleirés agradeceu a presenza da campaña neste concello da comarca da Fonsagrada e aproveitou a ocasión para expresar o seu compromiso de levar ao pleno municipal un extenso informe ben documentado que insta á recuperación da denominación tradicional do municipio, A Valeira. Entre o público asistente encontrábase Clodio Val Arias, a quen lle debemos gran parte da documentación histórica achegada a este informe elaborado polo Seminario de Onomástica da RAG.

O relator do evento, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e do proxecto Galicia Nomeada, agradeceu o compromiso do alcalde de Baleira e o importante labor de investigación realizado por Clodio Val Arias, veciño da parroquia da Braña que demostra con todo o que fai un gran compromiso coa historia do seu concello e, neste caso, coa recuperación da forma xenuína e etimolóxica do seu nome. 

Posteriormente, a rapazada, o profesorado e a veciñanza que asistiron á charla, puideron aprender con detalle o funcionamento de Galicia Nomeada. Vicente Feijoo adaptou o contido xeral da campaña ao público asistente, os nenos de nenas de primaria do centro, para implicalos na salvagarda da microtoponimia de Baleira, seguindo o exemplo de máis de medio cento de centros de ensino que dun xeito ou doutro inclúen Galicia Nomeada entre as súas actividades escolares. O seguinte paso despois será que os nenos e nenas comecen a recoller os nomes das terras máis achegadas ás casas onde viven os seus avós e avoas.

Por último, Vicente Feijoo foi explicando os nomes das parroquias e aldeas que forman parte do seu entorno cotián, unha parte que adoita espertar moito interese na rapazada. Tamén foi o caso dos nenas e nenas de Baleira, que se sorprenderon ao saber que o nome do seu concello está relacionado coa voz do galego común val e que fai referencia á abundancia no termo territorial de moitas depresións do terreo causadas polos moitos cursos fluviais que verten as súas augas á conca do río Eo. Por iso, o seu nome debería escribirse con <V> e con artigo, A Valeira, como aparece en moita documentación desde a Idade Media ata o século XX.  Outros dos topónimos máis comentados  é o nome da parroquia da Degolada; por mor da súa similitude cunha palabra do léxico común foi obxecto de varias hipóteses, como analizamos neste artigo.

Toponimízate continuará en 2027

A iniciativa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra sumará no vindeiro ano 12 novos concellos aos 120 xa visitados desde a súa posta en marcha en 2017. Con ela preténdese divulgar en concellos, colexios, asociacións culturais e centros de maiores o valor cultural da toponimia galega e a necesidade de colaborar na súa recolleita a través da plataforma Galicia Nomeada. Centos de persoas de todas as idades sumáronse á campaña e xa levan engadido a esta plataforma máis 130.000 microtopónimos acompañados de audios, fotos, documentos...
 

Galería de imaxes
Tipos