A Xunta e a RAG asisten á VII Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos en Sevilla
O mércores 21 de outubro, a sede do Instituto de Estatística e Cartografía de Andalucía de Sevilla acolleu a VII Xornada da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos, organizada pola Comisión Especializada de Nomes Xeográficos (CENG) e o propio instituto cartográfico andaluz (IECA).
Baixo o título Toponimia, tradición e Inteligencia Artificial. La Real Sociedad Geográfica, 150 años al servicio de la sociedad, expertos de toda España reuníronse para estudar as posibilidades que a intelixencia artificial ofrece para inventariar, difundir e normalizar a toponimia e como esta pode colaborar nos traballos que as distintas comunidades están desenvolvendo nesta materia. Ao mesmo tempo, tamén serviu para conmemorar os 150 anos da Real Sociedade Xeográfica que, desde a súa fundación contribuíu á investigación dos nomes xeográficos desde unha perspectiva científica.
A xornada contou cunha delegación galega formada por María Coutinho Villanueva, subdirectora Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, en representación da Xunta de Galicia; e os dous membros do Seminario de Onomástica que forman parte desta Comisión en representación da Real Academia Galega, o académico Gonzalo Navaza Blanco e o coordinador técnico do seminario, Vicente Feijoo Ares.
Os diferentes relatorios que formaron parte do programa publicaranse nun número monográfico do Boletín da Real Sociedade Xeográfica. Porén, podes asistir virtualmente a través do vídeo das xornadas que publicamos baixo estas liñas:
O día 22 de outubro tivo lugar neste mesmo centro estatístico e cartográfico da Xunta de Andalucía a reunión anual dos membros da CENG, onde se debaten temas relacionados coa toponimia e se informa da evolución dos traballos, coordinados desde o Instituto Xeográfico Nacional (IGN), de elaboración dun Nomenclátor Xeográfico Básico de España (NGBE). Para a súa elaboración, cada comunidade autónoma debe achegar as súas bases de datos cartográficas coa toponimia normativizada e estandarizada segundo a directiva europea INSPIRE. A Xunta de Galicia e a Real Academia Galega traballan arreo para achegar o antes posible o Nomenclátor Xeográfico de Galicia, agora que se entregou o Nomenclátor oficial de entidades de poboación 2026.