Sinoga e Xueus, dúas pegadas hebreas na toponimia de Outeiro de Rei?

O pasado venres 15 de outubro, a Campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegou ao concello de Outeiro de Rei. Nela, as persoas asistentes, ademais de aprenderen o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, descubriron a posible orixe dos topónimos do seu concello. Entre eles, Sinoga e Xueus, dous nomes de lugar que se relacionaron con posibles asentamentos hebreus en Outeiro de Rei.

Xueus é un nome de lugar único en todo o Nomenclátor de Galicia. Rexistrado no Tumbo de Sobrado como Iudeus e Iudeos xa no século X, Nicandro Ares ve nel un derivado da forma latina IUDAEUUS. Trataríase, por tanto, dun etnotopónimo que podería facer referencia á relixión que profesaba o primeiro dos moradores do territorio ou, tamén, un antrotopónimo que derivaría do seu alcume ou apelido.

No Nomenclátor non se rexistra ningún lugar denominado Xudeu ou Xudeus, a voz do galego común derivada de IUDAEUS. Con todo, existe unha Rúa dos Xudeus en Vilanova dos Infantes a nos indicar o lugar en que residían dentro do núcleo urbano; e tamén houbo un Rego dos Xudeus na cidade da Coruña que desembocaba no areal da Palloza xunto á Illa dos Xudeus. Neste lugar, descubríronse a finais do século XIX varias lápidas de hebreas dos séculos XII e XIII. A canalización do rego a comezos do século XX e as obras de ampliación do porto da cidade herculina, polas que a illa quedaría sepultada, levaron á perda dos dous topónimos.

Outro nome único en Galicia que está rexistrado en Outeiro de Rei é Sinoga. Para Santamarina, este topónimo e o Sinagoga de Muxía “Son as únicas reliquias das varias Sinagoga que hai documentadas na Idade Media”. A súa orixe é a voz grega Synagoga, cuxo significado primario era “reunión” que, por extensión, acabou dando o xeral de “Templo onde os xudeus se reúnen para o culto”. O Sinonga outeirao, por tanto, puido albergar no pasado un lugar sagrado de oración dos hebreos da contorna e, talvez, onde acudirían os habitantes de Xueus.

 

Tamén che pode interesar...

Trasancos é hoxe o nome dunha parroquia de Narón e doutra do municipio veciño de Ferrol, Santa Icía de…

En Ponte Caldelas existe un castro á beira do embalse de Eiras onde morou, en tempos remotos, un habitante singular: un xigante de…