O país infestado de Infestas

Galicia é o país dos mil ríos, abofé, mais tamén o é dos mil outeiros, picos, picotos ou picoutos, montes, costas, altos e cuíñas. Por iso non é de estrañar a abundancia na nosa xeografía de dous topónimos: Infesta e Enfesta.

Os dicionarios recollen o adxectivo enfesto, -a como ‘[terreo] que ten moita inclinación e superficie irregular’ e o substantivo enfesta como ‘parte máis elevada dun terreo; costa que descende a un fondal’. Así pois, os lugares chamados (A) Enfesta ou (A) Infesta deberían en sitios elevados e encostados.

Infesta é o nome dunha parroquia do concello ourensán de Monterrei e Vilar de Infesta dunha outra do concello de Redondela. Tamén é o nome dun lugar en Pontecesures, Rois, San Cibrao das Viñas, Betanzos, Monforte, Vilalba e de dous no concello de Cospeito. A Enfesta, de por parte, foi un antigo concello que desde 1962 está integrado no de Santiago de Compostela onde hoxe está a parroquia homónima, e tamén é o nome dun lugar de Cabanas, de Cerceda, Punxín e Ramirás. Existen tamén Vilar da Infesta, Leira Enfesta e múltiples derivados como lugares menores, leiras, prados…
 
Canto á súa orixe, moitos autores apuntan a un adxectivo INFESTUM con significado “hostil” ou “que causa dano”, o infesto actual, aplicado preferentemente ás lanzas e outras armas, de onde veu a acepción "levantado, dereito". Outros apuntan á raíz xermánica first "cume dunha casa" e González de la Peña xulga a existencia dunha Via infesta cun singificado semellante ao de via lata, un camiño dirixido cara a un punto.

Sexa como for, moitas das Infestas ou das Enfestas fican hoxe en terreos irregulares ou elevados… Mais en que parte de Galicia non os hai?

 

Tamén che pode interesar...