A toponimia forma parte do proxecto STARgal 2021 do IES A Cachada de Boiro

STARgal é un proxecto do Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Cachada de Boiro que naceu no ano 2016 co obxectivo de "demostrar que as TIC e o galego poden e deben ir da man se queremos construír unha sociedade máis sólida e preparada".

Está baseado nunha mostra e unha competición de produtos TIC (probas de robótica, videoclips, curtas, reportaxes, videopoemas, videoxogos...) feitos en galego e que se enmarcan nas actividades programadas arredor da figura homenaxeada cada ano o día das Letras Galegas. Estas olimpiadas tecnolóxicas entre distintos centros educativos representan un enfoque totalmente innovador para a aprendizaxe e a normalización da lingua galega, por iso foron merecentes de varios premios de Innovación en Dinamización Lingüística concedidos pola Consellería de Educación.

Neste apoderamento da nosa lingua a través das novas tecnoloxías encaixa perfectamente un proxecto colaborativo como é Galicia Nomeada, unha app feita en galego para salvagardar e difundir na rede o patrimonio inmaterial de Galicia. Por iso, neste ano 2021, os equipos da Biblioteca e de Dinamización Lingüística do IES A Cachada decidiron engadir este proxecto nas actividades programadas para homenaxear a figura de Xela Arias (vídeo STARgal 2021).

O Equipo da Biblioteca xunto co Departamento de Xeografía e Historia, coa implicación extraordinaria da profesora Alba Pérez Argibay, organizaron unha charla formativa sobre toponimia para o alumnado de 2º da ESO na Casa da Cultura de Boiro, unha semana antes da celebración do día das Letras Galegas. Este obradoiro foi impartido por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada, e nel explicoulles ao alumnado e profesorado asistente como funciona a aplicación para a recolleita de microtoponimia, o potencial didáctico de traballar coa toponimia local nas aulas e a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Boiro.

A partir dese momento tamén se involucraron no proxecto outros profesores do Departamento de Xeografía e Historia, como Manuel Alonso García e Carmen Vázquez Dieste; de Bioloxía, Gloria Santos Molina; de Tecnoloxía, Ana Fernández Moreiras; e Matemáticas, Álvaro Crego Deán. Todos eles enlearon a un bo número de alumnos e alumnas na recolleita de microtopónimos de distintas parroquias do concello de Boiro. A finais de curso, este grupo de alumnos de 2º e 4º da ESO xa leva rexistrados 247 microtopónimos na plataforma Galicia Nomeada. Como nota positiva, queremos destacar que este alumnado tamén conseguiu implicar a moitos dos seus familiares para darse de alta no sistema e achegar os nomes das súas terras.

Unha das actividades que máis éxito tivo no propio día das Letras Galegas foi a relacionada co uso de Galicia Nomeada para atopar algúns topónimos que figuran no libro Non te amola! de Xela Arias e na que participou o alumnado de todo o centro. O profesorado arriba citado deseñou esta actividade tendo presente que nos poemas e relatos de Xela Arias ten unha importante presenza o territorio galego. Daquela, o seu principal obxectivo era que o alumnado coñecese a ferramenta colaborativa usando o visor de toponimia para responder a 6 preguntas nas que cumpría buscar topónimos relacionados co lobo e outros nomes de lugar concretos, presentes en distintos fragmentos desta obra narrativa, como Caaveiro, Ortoá, Mouzós, A Fonte Fría, Riobó..., ademais de indicar en que parroquia e concello se localizaban.

Desde o proxecto Galicia Nomeada, felicitamos a profesorado e alumnado do IES A Cachada de Boiro por realizar esta fermosa actividade que ten como protagonistas os lugares da infancia emocional de Xela Arias, por participar no noso proxecto de salvagarda da microtoponimia galega e por levar adiante durante 6 anos consecutivos un proxecto tan innovador a prol da nosa lingua como é o STARgal.

Galería de imaxes
  • Charla de Vicente Feijoo en Boiro 1
  • Charla de Toponimia en Boiro 1
  • Charla de Toponimia en Boiro 2
Tipos