O Irixo e outros derivados toponímicos de ECCLESIA

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra visitou o venres 12 de novembro o concello ourensán do Irixo. Nada máis acaído no mes de Santos que achegarse un dos múltiplos derivados toponímicos da palabra latina ECCLESIA, o lugar onde se lles dá culto precisamente aos santos.

O Irixo é un topónimo único no Nomenclátor, pois só está recollido neste concello ourensán baixo as formas O Irixo e Irixo de Arriba. Malia que Cabeza Quiles teorizou sobre a posibilidade de que este nome derivase do antropónimo latino ERIGIO, está comunmente aceptada a tese que o fai proceder da raíz latina ECCLESIA, descendente esta á súa vez da raíz grega EKKLESIA, ‘asamblea, reunión de fieis’. Irixo tivo un antecedente Irixe, documentado como Ponte de Irige nun documento de 1415. O mesmo debilitamento que actuou para pasar dun -a etimolóxico final a un -e (de Irixa ou Eirexa a Irixe ou Eirexe) foi o que converteu este Irixe no Irixo actual.

O Irixo sería, pois, un máis dos múltiplos derivados que a forma ECCLESIA latina deixou na nosa toponimia galega. Esta profusión de topónimos explícase pola abondosa existencia de igrexas, capelas ou santuarios construídos nas máis de 3.700 parroquias galegas.

Outros descendentes toponímicos do ECCLESIA no noso Nomenclátor son: Igrexa, con máis de 350 concorrencias e múltiplos derivados, como A Igrexa Vella ou A Igrexa Pequena; Igrexario, con máis de medio cento de lugares en concellos como Marín, Ortigueira, Vilalba... aos que temos que sumar os Grixarios que hai en Cerceda, Touro e A Laracha; Irixoa, nome dun concello na provincia da Coruña, con parroquia homónima onde tamén se rexistra o lugar do Pazo de Irixoa, así como nome dunha freguesía no municipio lucense de Muras.

Con epéntese da vogal inicial temos A Grixa en Camariñas, Cee, Dumbría e Muxía; e Grixanova en Agolada; Grixoa, que dá nome de catro parroquias (San Amaro, Santa Comba, Santiago e Viana do Bolo) e tres lugares (Santa Comba, Viana do Bolo e Vimianzo);  Grixó, parroquia e aldea de Ramirás e lugar en Touro, Padrenda, Salvaterra de Miño e Moraña;  Grixoá, lugar de Carballedo. As últimas tres formas conteñen un sufixo diminutivo procedente do latín -OLA e que deu tres solucións no noso territorio: -oa / -oá / ó (con crase vocálica).

Pola súa banda, con ditongación en -EI- da primeira vogal, o Nomenclátor de Galicia relaciona máis de 60 Eirexa e 117 Eirexe, con ou sen artigo inicial; Eirexúa na Pontenova; Sueirexa no Irixo ou Maside;  con prefixos como Traseirexe (en Arzúa e Santiso) ou en topónimos compostos como O Campo da Eirexe (en Santiso e Chantada), que completan a relación case tan ampla como o número de templos que existen en todo o país.

 

Tamén che pode interesar...

Anllóns é o nome de uma das correntes fluviais mais conhecidas da Galiza e o principal rio da região de Bergantiños.…