Iván Sestay, máis de tres décadas rescatando a nosa toponimia

Hai máis de tres décadas, un meniño de apenas 8 anos sacaba un pequeno caderno e comezaba a anotar o que unha voz lle ditaba: “aquela é A Cortiña dos Vimbios. Alí está O Tombo e alá, A Cortiña do Sol”. Sentada na pedra do releixo que separaba unha destas herdades, a avoa indicáballe ao neto con precisión de xeógrafa todos os nomes das veigas do redor sen saber que estaba a crear unha vocación que chegou ata os nosos días. Ela chamábase Otilia e era a avoa materna de Iván Sestay, o colaborador que máis topónimos incluíu ata agora en Galicia Nomeada, máis de 9.000.

Pode dicirse, pois, que Iván Sestay leva toda unha vida dedicada á recuperación da nosa toponimia tradicional. Falando con mariñeiros e labregos, con calquera que se cruce no seu camiño e que saiba o nome do espazo que ten diante súa, el encárgase de tomar nota deste patrimonio inmaterial que se vai esmorecendo para gardalo e deixar constancia da súa existencia. Durante máis de 30 anos fíxoo nun caderno ou nun mapa, pero na actualidade usan as ferramentas que nos ofrecen as novas tecnoloxías, concretamente a aplicación colaborativa Galicia Nomeada. Cóntanse por miles as persoas que  Iván Sestay tivo como informantes deste abundante e valioso patrimonio inmaterial, pero ningunha o marcou tanto como a súa avoa Otilia. 

Este labor incansable fíxoo merecedor o ano pasado do Premio Ignacio Cerviño á Recuperación e Promoción do Patrimonio que concede cada ano o Concello de Cangas. Precisamente, é sobre este concello sobre o que versará o próximo traballo de Iván Sestay, quen prepara un libro con toda a súa toponimia que, segundo o propio autor, conterá arredor de 9.000 nomes de lugar.

Mais non é esta a primeira obra toponímica de Iván Sestay; con anterioridade xa publicou tres libros sobre parroquias viguesas,  Toponimia do Val de Fragoso 4: Freixeiro e Sárdoma. Toponimia do Val de Fragoso: Lavadores, Toponimia do Val de Fragoso, Coia.

Sirvan estas humildes liñas para agradecermos desde Galicia Nomeada tan inmenso e impagable traballo realizado de forma altruísta por Iván Sestay; traballo do que nos seguiremos beneficiando todos os galegos, porque aínda vai seguir achegando moitos máis microtopónimos. A nosa beizón e recoñecemento póstumo á avoa Otilia por deixarlle en herdanza a Iván esta fermosa paixón que, ben seguro, a fará moi feliz alí onde estea.

Tipos