Chandrexa de Queixa toponimizouse nunha calorosa tarde de verán

O antigo colexio de Celeiros recuperou a súa actividade formativa por unhas horas grazas á campaña Toponimízate. Neste caso, en vez de nenos, asistiron ás aulas unha trintena de persoas adultas de Chandrexa de Queixa que participaron na charla sobre a importancia cultural dos topónimos menores que cobren todo o seu amplo territorio e como podían contribuír á súa salvagarda. 

O relatorio, que comezou sobre as 19:30 h e se prolongou ata as 22:00 h, foi presentado polo propio alcalde chandrexao, Francisco Rodríguez, quen manifestou o seu entusiasmo por esta iniciativa, tan necesaria e urxente en concellos como o seu. O propio rexedor municipal achegará os microtopónimos da súa aldea, O Chao, a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.

Vicente Feijoo, coordinador técnico desta campaña divulgativa e do proxecto Galicia Nomeada, centrou boa parte do relatorio na explicación do funcionamento da aplicación colaborativa para que a veciñanza soubese como introducir os nomes das leiras, prados, fontes, penedos... existentes no territorio de cada unha das 35 aldeas que ten este concello. Na actualidade só hai recollidos algo máis de 150 topónimos nun termo municipal que conta con 171,8 km², boa parte deles rexistrados por un único colaborador, Miguel Martínez, veciño de Drados. 

As persoas asistentes tamén puideron coñecer a orixe e significado dos topónimos maiores (parroquias e aldeas) do seu territorio, comezando polo do propio concello de Chandrexa de Queixa. Os testemuños máis antigos deste, documentado como Chandegreja de Queixa en 1211, levaron a pensar que o primeiro elemento do topónimo fose o sintagma “Chan da Eirexa / Igrexa” en referencia a un lugar chairo onde estivese localizada a igrexa principal. Canto ao segundo dos elementos, Queixa, nome de toda a serra, ten unha orixe discutida. Os historiadores relacionárono cos EQUESII, unha tribo que, segundo citan as fontes clásicas mais a epigrafía, habitaba ao norte da Limia. O etnónimo parece ligado ao céltico *ekwos 'cabalo’. Algúns investigadores tamén o emparentaron con topónimos como Requeixo, nome dunhas das freguesías de Chandrexa de Queixa, que identifica lugares situados nunha ladeira ao pé dunha montaña ou serra. O Dicionario da Real Academia Galega define a voz común requeixo como un ‘terreo en pendente que vai dar a un val’. 

Esta parte da charla tamén lles resultou moi interesante aos asistentes; tanto, que porán as dispositivas con estas etimoloxías na páxina web municipal para coñecemento de todos os veciños. As etimoloxías que máis sorprenderon ao público asistente foron as de Cadeliña, Candedo, Casteligo, Fitoiro, Chavéan, Chaveanciños, As Taboazas e Zamorela. Tamén se interesaron moito por saber a grafía correcta de Acevedo e Bozqueimado, topónimos que na rotulación das estradas adoitan figurar coas grafías incorrectas de *Acebedo e *Vozqueimado. De igual xeito, Pedrazás e A Quintá aparecen sen os correspondentes artigos. A charla resultou moi construtiva porque tamén puidemos saber os nomes das aldeas que non están incluídas no Nomenclátor oficial de entidades de poboación.

Pasados dous días desde a data en que tivo lugar a charla, xa se deron de alta na plataforma máis da metade dos asistentes. Estamos seguros de que nos vindeiros días seguiremos sumando colaboradores de todo o concello. A todos eles agradecémoslle moito o seu traballo altruísta a prol de que a riqueza toponímica de Chandrexa non se perda.

A Fonsagrada, próxima parada na campaña Toponimízate

A campaña da Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Xunta de Galicia terá unha seguinte parada no concello lucense da Fonsagrada. A cita será o vindeiro 19 de agosto no Salón de Actos da Casa do Concello a partir das 19:00 h.
 

Galería de imaxes
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
  • Toponimízate Chandrexa de Queixa
Tipos