O CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei abre as súas portas á campaña Toponimízate

As aulas do CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei terán este venres 18 de novembro unha clase especial na que se falará da importancia que ten a toponimia na nosa vida cotiá e como podemos contribuír cada un de nós á súa protección. Ademais, as portas do centro estarán abertas para que a veciñanza de Forcarei e as familias poidan asistir ao relatorio e participar conxuntamente coa rapazada do centro no proxecto Galicia Nomeada, posto en marcha pola Real Academia Galega e Xunta de Galicia. 

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, será a anfitrioa de excepción que presente o relatorio de Vicente Feijoo, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada.

O obxectivo da charla Toponimízate será dar a coñecer entre as xeracións máis novas o valor cultural da nosa toponimia e implicalas na súa conservación. Neste sentido, os centros de ensino de Forcarei xa teñen experiencia en traballos relacionados cos seus nomes de lugar, pois, hai uns anos, o IES Chano Piñeiro da localidade decidiu bautizar as aulas co nome das 13 parroquias que conforman este concello. En cada unha das clases, puxeron un cartel onde se explica a orixe do topónimo xunto ao mapa onde se localiza a freguesía dentro de Forcarei, ademais dos nomes das aldeas e lugares que forman parte da parroquia. A esta charla tamén acudirán profesores e alumnos do citado instituto para sumarse a esta nova experiencia que será traballar coa aplicación colaborativa Galicia Nomeada.

Con esta finalidade, Vicente Feijoo comezará cunha pequena introdución ao mundo da toponimia para pasar á parte que centrará a charla: que poden facer eles para conservar os nomes das leiras, montes, regueiros, penedos, fontes... da súa contorna e como empregar a plataforma Galicia Nomeada para este fin, tanto de xeito persoal ou coas súas familias como formando parte dun proxecto escolar do centro. Loxicamente pedirase a imprescindible colaboración do profesorado para seguiren o modelo doutras iniciativas escolares como "Do Alto da Serra a Zafarina: Meis en microtopónimos" do CPI O Mosteirón, ou “Pazos Nomeado”, do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén.

Por último, os asistentes a esta charla poderán preguntar pola procedencia dos nomes dos lugares que forman a súa paisaxe habitual para descubriren o seu significado e que nos din sobre a historia do seu concello e dos seus antepasados. Deste xeito, saberán que a parroquia de Meavía ten este nome porque queda no medio dun camiño e que os historiadores coinciden en que se refire ao chamado “camiño vreeiro”, unha ruta medieval utilizada polos arrieiros que levaban o viño do Ribeiro a Santiago de Compostela, pero que tamén foi un camiño de peregrinación usado polos camiñantes que ían desde o norte de Portugal a adorar o santo. Outros topónimos presentes no concello como A Rúa ou Pousada tamén están vinculados con estes camiños.

Dúas citas Toponimízate para a vindeira semana

A vindeira semana, a campaña Toponimízate visitará os concellos de Guntín, o mércores, 23 de novembro, ás 12:00 h na Casa da Cultura; e O Incio, o venres 25 de novembro, ás 19:00 h no salón de usos múltiples da Casa do Concello. 
 

Tipos