A recuperación da nosa toponimia entra nas aulas de Forcarei

A recuperación da nosa toponimia tradicional entrou para quedar nas aulas de Forcarei. A rapazada dos cursos de 5º e 6º do CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei e mais os seus compañeiros maiores de 4º da ESO e 1º de BAC do IES Chano Piñeiro, tomaron boa nota o pasado venres de como seren partícipes da grande tarefa colectiva que é a recolla da nosa toponimia a través de Galicia Nomeada. 

Xunto a eles, tamén estaban algúns veciños e veciñas que se achegaron ao centro de ensino para asistiren ao relatorio de Vicente Feijoo, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada.

Finalmente a alcaldesa do municipio nun puido asistir por enfermidade, de maneira que o acto foi presentado pola xefa do Departamento de Lingua e Literatura do IES Chano Piñeiro, Clara Isabel Iglesias Cortizo, e polo concelleiro de Servizos Sociais, José Manuel Álvarez Sanmartín, quen agradeceu a presenza da campaña da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia en concellos como o seu, pois estes eventos contribúen a dinamizar tamén a vida cultural ao tempo que se fomentan as relacións interxeracionais coa escusa dun fin maior: a recuperación da nosa toponimia tradicional. 

Como é costume nas charlas que se organizan en centros de ensino, o obxectivo da visita de Vicente Feijoo foi dar a coñecer entre a rapazada o valor cultural da nosa toponimia e implicala na súa conservación. Ao mesmo tempo, procurouse a colaboración do profesorado para incluír estes traballos dalgún xeito nas tarefas docentes e nos proxectos de centro, quer a través de recollas sistemáticas, quer nas aulas de xeito individual. Para este fin, a aplicación Galicia Nomeada capitalizou boa parte da charla. 

Houbo tamén un espazo para saciar a curiosidade dos e das rapazas sobre o significado dos nomes de Forcarei. Como se pode ver nas fotos, estiveron moi atentos para tomar nota de todo nos seus cadernos. Entre outras, a rapazada sorprendeuse con que os topónimos como A Rúa, Pousada ou Meavía gardasen relación con parte do trazado dunha das vías de peregrinación a Santiago, o recentemente recuperado como ruta oficial Camiño da Geira e dos Arrieiros, procedente de Portugal e das terras do Ribeiro.

Guntín e O Incio, citas para esta semana

Os concellos lucenses de Guntín e O Incio acollerán as seguintes citas informativas para saber como salvagardar a nosa toponimia menor. A primeira será o mércores a partir das 12:00 horas na Casa da Cultura guntinesa, quedando a segunda das charlas para o venres 25 de novembro, ás 19:00 h, no salón de usos múltiples da Casa do Concello do Incio.
 

Galería de imaxes
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
  • Toponimízate Forcarei
Tipos