Xallas é un topónimo cunha historia “expansiva”: hoxe serve para denominar toda unha comarca, a formada polos concellos de Mazaricos e Santa Comba, e bañada polo río do que lle debe o nome. Porén, a súa orixe está nunha pequena entidade de poboación, Ialles d'Alcayaa, documentada no reinado de Afonso VIII e identificable coa actual parroquia de Xallas de Castriz. Tal e como sostén Paulo Martínez Lema na súa tese sobre A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do Tombo de Toxos Outos, este dato, que pode parecer menor, é crucial para entendermos a orixe deste topónimo peculiar, que ademais nomea unha aldea de Cee.
Martínez Lema sostén que Xallas non se orixinou como nome do río, senón como o nome desa vila antes mencionada, Ialles d'Alcayaa. Co tempo, este topónimo experimentou un proceso de expansión gradual: comezou nomeando tamén o alfoz da vila e á xurisdición eclesiástica; pasou, posteriormente, ao río, que ata comezos do século XX aínda se chamaba Ézaro (do que xa falamos nesta publicación), cando menos na súa parte final; e, por último, acabou abranguendo toda a comarca regada polo propio río.
Por que é importante isto para comprendermos a súa orixe? Martínez Lema dános a chave: “ningunha aproximación á semántica orixinal desta forma toponímica debe basearse nas características propias dese río”. Por iso, este autor sostén que as aproximacións realizadas á etimoloxía deste topónimo non son “plenamente satisfactorias”.
Así, descarta a hipótese que máis sona tivo ata a actualidade, ofrecida por Moralejo Lasso. Segundo este investigador, Xallas procedería dunha forma etimolóxica *SALIA ‘corrente de auga’, derivada dunha raíz hidronímica *SAL- 'auga, corrente, regato', con fonda pegada na hidronimia indoeuropea e tamén con presenza no noso espazo lingüístico, con formas como Saíme, Salime e Saímia.
Esta hipótese ten outro inconveniente a xuízo de Martínez Lema: aínda que a palatalización do s- inicial non foi un proceso estraño no galego - por exemplo, o termo do galego común xofre provén do latín SULPHURE-, en todos estes casos o resultado foi unha fricativa prepalatal xorda, mentres que os testemuños escritos antigos do topónimo Xallas coma o que vimos, Ialles d'Alcayaa, evidencian “a presenza dunha primitiva consoante fricativa prepalatal sonora”. Este detalle fonético é, a xuízo de Martínez Lema, “o máis decisivo á hora de desbotarmos a hipótese dunha base etimolóxica *SALAS”.
Luís Monteagudo tamén descartou a teoría hidronímica de Moralejo Lasso e propuxo dúas posibles etimoloxías para o topónimo Xallas que tamén presentan dificultades. Por un lado, Xallas podería interpretarse como un derivado regresivo do verbo SALIO ‘saltar, abrollar’. Porén, Martínez Lema sostén que esta explicación ten as mesmas eivas de tipo grafofonético xa comentadas respecto de *SALAS polo propio Monteagudo, isto é, a palatalización do s- inicial. Como segunda hipótese, Monteagudo aposta por un étimo *IALIAS ‘escavación’, a partir do radical indoeuropeo IAM- / IEM- ‘escavar’, e vincularía o topónimo coa riqueza mineral da zona e a actividade mineira.
Unha última hipótese sobre este topónimo é a ofrecida por Edelmiro Bascuas, quen vinculou Xallas coa raíz indoeuropea *EI- 'ir', que alén de deixar pegada no léxico común e nun verbo tan rendible como ir (lat. IRE), xerou formacións hidrotoponímicas, especialmente no ámbito xermánico, mais tamén en lugares próximos á nosa latitude como o río Xantas, afluente do Sor, ou o portugués Jamor. Martínez Lema considera esta hipótese de Bascuas sobre o topónimo Xallas como a máis factible e razoable, pero sempre tendo en conta que o seu referente inicial non foi o río actualmente coñecido con ese nome.
En conclusión, podemos afirmar que Xallas segue sendo, de momento, unha grande incógnita toponímica.
Por trás de cada um dos mais de 40 mil nomes de lugares que fazem parte do nosso Nomenclátor, existe uma motivação e uma razão de ser.…
É muito difícil ouvir a palavra Camariñas sem se deixar levar e recitar os versos que compõem uma das canções mais famosas do…