A toponimia é a ciencia que estuda os nomes con que identificamos determinados espazos do territorio. É, sen dúbida, un dos campos máis enriquecedores e apaixonantes para quen estude a lingua e a cultura de calquera país. Os nosos antepasados foron bautizando en diversos momentos da historia os lugares que habitaban e cultivaban. Ademais, a maior parte dos topónimos tiñan, e moitos aínda teñen, un significado axeitado á realidade xeográfica en que naceron. Co tempo, esta realidade foi mudando e hoxe en día xa hai centos e centos de topónimos opacos, é dicir, que non nos dan pistas reais sobre o que denominan. Pero, grazas ao seu estudo, podemos coñecer mellor a nosa lingua e a nosa historia.
A toponimia forma parte dos elementos culturais que a Unesco denomina patrimonio inmaterial dos pobos. O carácter permanente dos topónimos fainos monumentos históricos, que se manteñen en pé a través dos séculos e que funcionan como referentes compartidos da comunidade, como sinais da identidade colectiva.
Sobre a riqueza de nomes de lugar en Galicia téñense feito moitas estimacións, que van desde os "cien mil nombres geográficos, separados, aunque no distintos" de que falaba o padre Sarmiento, aos "treinta millones de fincas, cada una con su nombre" que calculaba Filgueira Valverde. O que sabemos con certeza é que vivimos nun país que ten un terzo dos nomes de lugar de toda España.
Esta abundancia de topónimos viuse favorecida pola dispersión das entidades de poboación; pola enorme repartición da terra (minifundismo); pola orografía irregular e dificultosa do terreo; pola secular explotación dos recursos agrícolas, gandeiros e mariñeiros; pola abundante e variada flora e fauna; e, ao cabo, pola vontade de querer nomear cada anaco de terra.
Hoxe, a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais ameazan gravemente a conservación deste riquísimo patrimonio. Desde hai tempo estase a observar unha preocupante perda da microtoponimia tanto no medio rural coma no urbano. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre, ou que abandona a súa actividade no agro ou no mar, desaparece un bo número de topónimos.
A Real Academia Galega, nun informe dirixido ao Goberno e ao Parlamento de Galicia no ano 2001, alertaba sobre este feito, nun diagnóstico que recolle expresións coma as seguintes: «O abandono da actividade agraria, o xigantesco proceso de urbanización e diversas intervencións como obras públicas ou concentracións parcelarias poñen en perigo de desaparición irreversible unha gran parte deste tesouro. [...] Cómpre unha acción institucional intensa (que pode estimular a cooperación privada, como acontece xa con certas Comunidades de Montes) que salve (...) este tesouro.»
No ano 2014, a RAG volveuse dirixir formalmente ao Congreso dos Deputados para solicitar a inclusión expresa da toponimia tradicional na definición de concepto de patrimonio cultural inmaterial cando este preparaba a futura Lei para a Salvagarda do Patrimonio Inmaterial que se estaba elaborando nese momento a nivel estatal. O seguinte paso sería solicitarlle á Unesco a declaración de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade por representar a nosa toponimia unha «riqueza única no mundo» dun «valor incalculable».
Esta iniciativa, secundada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Comisión Especializada en Nomes Xeográficos do Ministerio de Fomento, provocou o efecto desexado en primeira instancia, pois por primeira vez aparece citada (artigo 2) de forma expresa a toponimia tradicional na Lei 10/2015, do 26 de maio, para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial:
«Terán a consideración de bens do patrimonio cultural inmaterial... a) Tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas como vehículo de patrimonio cultural inmaterial, así como a toponimia tradicional como instrumento da concreción da denominación xeográfica dos territorios...».
Un ano despois, apróbase no Parlamento galego a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Coma no caso anterior, noméase a toponimia como un dos bens do patrimonio cultural inmaterial para os efectos desta lei, xunto coa lingua, as tradicións e expresións orais e as artes do espectáculo (artigo 9.3).
A importancia desta leis radica en que agora existe unha base legal que sustenta as actuacións encamiñadas a salvagardar o patrimonio colectivo de todo o pobo galego. No artigo 68, titulado Identificación, documentación e investigación do patrimonio cultural inmaterial, no punto 2, dise:
«A Xunta de Galicia velará, xunto con outras institucións da Comunidade Autónoma, pola preservación da toponimia tradicional, que se considera un valor identitario da Comunidade Autónoma, así como un instrumento para a concreción xeográfica».
Uns anos antes, o Plan xeral de normalización lingüística, aprobado, o 22 de setembro de 2004, por unanimidade do Parlamento de Galicia, recollía, entre as súas propostas, a seguinte no punto 1.2.6.: «Establecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións (maioritariamente, deputacións e concellos, os servizos de concentración parcelaria e o catastro) teñen que levar incorporada a recollida da microtoponimia, consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia, e que o material cartográfico recollido deberá ser remitido ao SITGA, para a súa organización e posta á disposición da sociedade na Rede».
O organismo cartográfico da Xunta de Galicia que naquel momento era denominado coas siglas de SITGA hoxe en día coñécese como Instituto de Estudos do Territorio (IET) e depende da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Por esta urxente necesidade de salvar un patrimonio tan valioso, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, unha vez rematada a fase de fixación da toponimia de entidades de poboación (Nomenclátor de Galicia), promoveu no ano 2000 a posta en marcha do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), que constituía un plan orientado á recolleita, introdución nunha base de datos, normativización e dixitalización de toda a microtoponimia galega.
Tras varios anos nos que os traballos sistemáticos sufriron un paro, agora preténdese acometer a urxente recolleita do resto do territorio galego contando coa participación e colaboración de particulares, asociacións culturais e veciñais, comunidades de montes, confrarías de pescadores, centros de ensino, concellos...