É o órgano asesor da Xunta de Galicia para a fixación dos nomes oficiais das entidades de poboación.
Aínda que no seu formato actual foi creada en 1984, a través do Decreto 43/1984, do 23 de marzo, e se rexe actualmente polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño, viña funcionando desde a fase preautonómica, onde chegou a ditaminar sobre a toponimia de 72 concellos.
A seguir, incluímos algunhas referencias ao labor da Comisión nas dúas fases citadas:
Nesta etapa, o Decreto 42/1979, do 21 de setembro, crea a Comisión de Toponimia na Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia.
Atendendo á exposición dos motivos, a creación desta comisión deriva nese momento da facultade que lle transfire á Xunta de Galicia o Real decreto lei 14/1978: alterar os nomes e capitalidades dos municipios; e tamén da que lles atribúe aos concellos o Real decreto 1710/1979, do 16 de xuño, para modificaren os nomes das rúas, prazas e parques de conxuntos urbanos.
Nos dous casos esíxese o informe preceptivo favorable "dun Organismo Lingüístico Rexional de carácter oficial ou, no seu defecto, de recoñecido prestixio, para os cambios de denominación ás linguas vernáculas."
O artigo primeiro do decreto crea a Comisión de Toponimia, como órgano da Xunta de Galicia, adscrita organicamente á Consellería de Educación e Cultura, para a normalización da toponimia en Galicia.
Os artigos segundo e terceiro establecen como competencias desta comisión, entre outras:
- Emitir os ditames que soliciten as corporacións locais para os cambios de denominación á lingua galega ou correccións ortográficas de nomes nos municipios, así como de rúas, prazas e parques de conxuntos urbanos.
- Emitir ditame oficial sobre as denominacións en lingua galega que teñen que figurar no material cartográfico referente a Galicia.
O artigo cuarto establece que a Comisión de Toponimia estará integrada por especialistas en filoloxía, xeografía, historia, paleografía e cartografía, aplicadas á lingua e cultura galegas.
En desenvolvemento deste artigo, ditouse a Orde 17/1979, do 21 de setembro, pola que se nomean os membros da Comisión de Toponimia da Consellería de Educación e Cultura.
A composición que establecía a devandita orde era a seguinte:
- Presidente: José Fernando Filgueira Valverde
- Vicepresidente: Antonio Fraguas Fraguas
- Secretario: Antón Santamarina Fernández
- Vogais: Ricardo Carballo Calero, Ramón Martínez López, José Luis Rodríguez Fernández, Isidoro Millán González -Pardo, José Luis Pensado Tomé, Manuel Vidán Torreira, Manuel Lucas Álvarez, Abelardo Moralejo Laso, Antonio Gil Merino, Francisco Javier Río Barja, Ramón Lorenzo Martínez e Amando Losada Díaz.
Con posterioridade á creación da Comisión incorporáronse:
José Ramón Cólera Leirado, en representación da Consellería de Administración Local, e José Luis Blanco Fernández, como director do Observatorio Estatístico Rexional.
Froito do traballo da Comisión de Toponimia editáronse, entre xullo de 1980 e o verán de 1982, sete cadernos que recollen a revisión da toponimia de 72 concellos.
Moitos destes ditames mantivéronse como válidos na revisión que se fixo a partir de 1984, mentres que outros foron revisados.
Na fase autonómica (a partir de 1984), o precepto legal sentado na Lei de normalización lingüística ten como primeira norma de desenvolvemento o Decreto 43/1984, do 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Comisión de Toponimia (DOG do 31.03.1984). No seu preámbulo aconséllase regulamentar novamente tal Comisión, adaptándoa ás esixencias culturais e legais existentes no momento.
Efectivamente, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, establece no seu artigo 10 que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". O mesmo artigo dispón que lle "corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbana e dos topónimos de Galicia". Estes mandatos e estas previsións legais aconsellan, pois, unha remodelación da Comisión, tanto no que se refire á súa adscrición orgánica como no que lle cómpre na súa composición e no funcionamento e métodos de traballo.
Previamente, o Decreto 249/1983, do 24 de novembro, adscribira a Comisión de Toponimia á Secretaría Xeral Técnica da Consellería da Presidencia e prevía que a súa composición e as súas funcións se determinarían regulamentariamente, establecendo que se crea para afrontar "a urxente tarefa de volver á súa forma enxebre a riqueza toponímica de Galicia, liberándoa de deturpacións ou desaxeitadas grafías impostas polo esquecemento, ou pola ignorancia, ou polo descoñecemento do noso patrimonio cultural e lingüístico".
O decreto foi modificado polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño para adaptar a composición da Comisión aos cambios producidos na estrutura orgánica da Xunta de Galicia.
Como datos máis salientables verbo da composición da Comisión de Toponimia podemos citar os seguintes:
- A Comisión funciona en Pleno e en Ponencia de Estudos. Esta última elabora as propostas de ditame para o Pleno. Nela intégranse os seis vogais de libre designación que nomee o conselleiro de Presidencia entre expertos en toponimia e lingua galega.
- O Pleno está presidido polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e intégrano:
- Representantes de distintos departamentos da Xunta de Galicia (Presidencia, Política Lingüística, Administración Local, Urbanismo, Estatística e Desenvolvemento Comarcal)
- Representantes de diversas institucións científicas
- Os vogais de libre designación que compoñen a Ponencia de Estudos
- Un funcionario da Consellería de Presidencia, con voz e sen voto, que exerce a secretaría da Comisión
Seminario de Onomástica da Real Academia Galega
A partir do ano 2012, o labor desta Ponencia de Estudos foi asumido polo Seminario de Onomástica da RAG, que centrou os seus traballos no proxecto de revisión, corrección e actualización da toponimia oficial do Nomenclátor de Galicia vixente desde o ano 2003. Este intenso traballo deu como resultado un novo Nomenclátor que se publicará proximamente.
Os membros do Seminario de Onomástica da RAG son: Antón Santamarina, Ramón Lorenzo, Gonzalo Navaza, Antón Palacio e Luz Méndez, que xa formaban parte da Comisión de Toponimia da Xunta; e agora tamén están Xesús Ferro, Ana Isabel Boullón, Xosé María Lema e Vicente Feijoo.