Normativa

Desde a aprobación do Estatuto de autonomía, Galicia tratou de recuperar novos ámbitos de uso para a lingua. A toponimia, parte importante do sistema lingüístico, presentaba nos comezos da Autonomía un alarmante estado de deturpación, como se pode comprobar nos nomenclátores oficiais, na rotulación e no emprego por parte dos poderes públicos.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que fixa o marco para o uso oficial do galego en diversos ámbitos, contén tamén a base legal para a recuperación e fixación da toponimia galega. No seu artigo 10 establece que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega" e que "corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo concello correspondente."

Este precepto da Lei de normalización lingüística tivo un desenvolvemento normativo posterior para establecer o seguinte

  • A Comisión de Toponimia, como órgano asesor do Goberno de Galicia nesta materia, o que se realizou a través do Decreto 43/1984, do 23 de marzo, modificado polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño (DOG do 22/6/1998).
  • O procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia de Galicia, a través do Decreto 132/1984, do 6 de setembro (DOG do 21/9/1984).

Nos anos seguintes á creación da Comisión de Toponimia e ao establecemento do procedemento para fixar ou recuperar a toponimia, a Xunta de Galicia abordou o estudo e ditame das formas oficiais dos topónimos de entidades de poboación. Primeiro en distintos decretos fixou o nome oficial dos concellos. Posteriormente, para cada concello ditou un decreto en que fixa o nome das parroquias e unha orde para fixar o nome dos lugares ou aldeas. Nun momento posterior, recompilou a toponimia oficial por provincias, que pode consultarse nos seguintes decretos:

  • Decreto 332/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Ourense (DOG do 29.08.1996; BOE do 18.11.1998)
  • Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra (DOG do 28.07.1998; BOE do 17.11.1998, corr. erros no BOE 4.03.1999)
  • Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo (DOG do 25.01.2000; BOE do 24.02.2000)
  • Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente á entidades de poboación da provincia da Coruña (DOG do 25.03.2003; BOE do 6.11.2003)

A mesma información aparece publicada no Nomenclátor de Galicia do ano 2003, que tamén se pode consultar en rede no enderezo http://www.xunta.gal/toponimia-e-nomenclator

Cómpre comentar que este documento oficial está sendo revisado na súa totalidade, tanto desde o punto de vista lingüístico como xeográfico-administrativo. Está previsto que en breve se publique un novo Nomenclátor no que se verán modificados algúns ditames oficiais. Pode repercutir nos nomes de varias aldeas, parroquias e concellos de Galicia, daranse de alta novas entidades de poboación e eliminaranse outras. Como gran novidade, cada un dos lugares do noso país, habitado ou deshabitado, estará xeorreferenciado para poder localizalo ou desprazarse ata el introducindo o seu topónimo oficial nun GPS.

A política de salvagarda e protección do patrimonio toponímico ten amparo no Plan xeral de normalización lingüísticaaprobado no 2004 (Medida 1.2.6. Sector 1. Administración. Área 2. Administración local) e, máis recentemente, na Lei 10/2015, do 26 de maio, para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, a nivel estatal, e, dentro da nosa comunidade autónoma, na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Agora cómpre un desenvolvemento normativo urxente destas leis, pois só enmarcan o ámbito de protección sen entrar nos detalles necesarios.

Seguindo unha orde cronolóxica, cómpre falarmos tamén da lexislación en materia de solo promulgada polo Parlamento e pola Xunta de Galicia. Trátase da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento desta lei.Os dous documentos conteñen preceptos como a identificación dos asentamentos de poboación existentes no territorio galego e a delimitación dos núcleos rurais que servirán para establecer repertorios toponímicos completos e rigorosos desde o punto de vista xeográfico e lingüístico, máis acordes á realidade galega e que superen a catalogación poboacional que tradicionalmente veu establecendo o INE.

Neste sentido, o Decreto, no seu artigo 93, indica que “considerarase asentamento de poboación existente todo aquel que sexa singularizado, identificable e diferenciado administrativamente nos censos e padróns oficiais, e que teña un topónimo recoñecido no nomenclátor oficial, con independencia do seu carácter urbano ou de núcleo rural”.

En consonancia con isto, prevese que no futuro as novidades das normas irán na liña da elaboración dun nomenclátor xeográfico de referencia.

Por outra banda, cómpre non esquecer que determinadas recomendacións internacionais, como por exemplo, as das Conferencias das Nacións Unidas sobre a Normalización de Nomes Xeográficos e Grupos de Expertos das Nacións Unidas sobre Nomes Xeográficos (GENUNX) e algunhas normas de ámbito estatal inciden directamente nas actuacións da Xunta de Galicia en materia de toponimia.

Poden consultarse a este respecto os documentos e normas que citamos a seguir.