Galicia Nomeada é unha plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Esta ferramenta informática permite que o voluntariado cultural de Galicia (particulares, asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes, centros de ensino, confrarías, entidades públicas e privadas...), desde un PC, tableta ou smartphone conectado a internet, poidan achegar os topónimos da súa aldea, parroquia ou concello, segundo unha metodoloxía predefinida.
Galicia Nomeada, xunto co portal Toponimia de Galicia, foron creados no ámbito de actuación do Programa de Cooperación Interreg V A España – Portugal (POCTEP 2014-2020), que se incardinan no proxecto 0358 GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal". Trátase dun proxecto sobre a dixitalización do noso patrimonio cultural colectivo no que participaron por parte de Galicia a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto de Estudos do Territorio, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Real Academia Galega.
A riqueza toponímica de Galicia
Galicia ten unha riqueza excepcional na súa toponimia. Na súa extensión (29.574 Km2), malia ocupar soamente un 6% do territorio de todo o estado, contén sobre un terzo das entidades de poboación de España. Estamos a falar de arredor de 38.500 nomes de entidades de poboación que se rexistran actualmente no novo Nomenclátor de Galicia, obra que está en fase de actualización e aprobación.
Isto no que respecta á toponimia maior, pero cando falamos da menor ou microtoponimia, a cifra crece exponencialmente, pois calcúlase que podemos salvagardar máis de 2 millóns de topónimos vivos na memoria dos galegos e galegas; iso si, a meirande parte ameazados co risco de desaparecer debido ás transformacións dos modos de vida tradicionais na nosa comunidade.
Nos anos que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) recolléronse preto de medio millón de microtopónimos nun 35% do territorio galego. Pero quedan moitos nomes por rexistrar, tanto en terra coma nos máis de 2.500 km do litoral galego. O noso mar tamén presenta unha enorme riqueza toponímica, froito da necesidade dos vellos mariñeiros e mariscadoras de nomear e marcar aqueles espazos onde desenvolvían a súa actividade pesqueira, un coñecemento do mar moi personalizado do que dependía o seu sustento económico e a súa integridade física.
Salvagardar un patrimonio cultural que esmorece
Todos somos conscientes de que os nomes das terras, dos regueiros, das fontes, dos penedos... corren un grave risco de desaparecer porque a maioría só teñen existencia na memoria das persoas maiores. As aldeas quedan sen xente; cada vez hai menos persoas que vivan da agricultura e da gandaría; a actividade pastoril nas serras está case desaparecida; o GPS dos barcos substitúe o coñecemento do medio acuático que posúen vellos mariñeiros... Por estes e por outros motivos, cada día desaparecen ducias de topónimos, xa que o que non se usa acaba por perderse.
Neste momento da nosa historia, no que temos ao noso alcance o gran potencial que ofrecen as novas tecnoloxías, dispoñemos desta aplicación Galicia Nomeada para que todos os galegos e galegas poidamos achegar o noso gran de area rexistrando e difundindo na rede este inmenso patrimonio inmaterial que se agocha detrás dos nomes de lugar.
Deste xeito, os topónimos seguirán cumprindo a súa función denominativa para a que foron creados, pero acadarán novos usos grazas ás novas tecnoloxías e chegarán a máis persoas do que o facían a través da secular transmisión oral.
Toponimia estandarizada
Ademais, todo isto farase cumprindo coa normativa europea INSPIRE para que os nosos topónimos sexan interoperables nas infraestruturas de datos espaciais a nivel mundial. Os nomes de lugar, como instrumentos de localización que son, fan a comunicación máis doada entre as persoas, pero esta comunicación debe ser clara, non pode xerar ambigüidade ou confusión, de aí a necesidade de seren normalizados respectando os estándares establecidos polas autoridades competentes, isto é o Grupo de Expertos das Nacións Unidas en Nomes Xeográficos (UNGEGN).