Metodoloxía
A metodoloxía de traballo que usou este proxecto é a que se expón a continuación en 8 fases. En liñas xerais, este método, creado ex profeso para este proxecto, estaba baseado en enquisas orais in situ con informantes nativos de cada aldea, canto máis maiores mellor. A unidade territorial de actuación era habitualmente a parroquia e o concello. Os técnicos de campo situaban os topónimos en fotografías aéreas impresas en papel para a súa posterior xeorreferenciación en gabinete por persoal experimentado en programas de tratamento de información xeográfica. Estes nomes eran introducidos nunha base de datos, rexistrando as súas características lingüísticas e xeográficas, que era supervisada pola Ponencia de Estudos da Comisión de Toponimia, órgano integrado por especialistas neste materia que propoñían unha forma escrita normalizada para cada microtopónimo. Trala exposición pública dos mapas topónimos nos propios concellos ou nas parroquias para que os veciños e veciñas fixesen as modificacións necesarias ou para completaren e enriqueceren os mapas con novos nomes, a finalidade última de todos estes procesos era e segue sendo a elaboración dun banco de topónimos único, normalizado e xeorreferenciado, que sirva de referencia para o mundo da investigación e da xestión do territorio galego, grazas a divulgación na rede de toda esta información.
Desde o punto de vista metodolóxico, o proxecto desenvolvíase en 8 fases:
- Fase 1: Presentación institucional
- Fase 2: Traballo de campo
- Fase 3: Control e revisión dos traballos de campo
- Fase 4: Supervisión da Comisión de Toponimia
- Fase 5: Dixitalización dos topónimos na ortofoto
- Fase 6: Exposición pública dos mapas toponímicos
- Fase 7: Introdución de nova información
- Fase 8: Entrega final aos concellos e difusión na rede
A partir de 2019 comeza a usarse un novo método adaptado á nova aplicación colaborativa en liña que simplificará algúns dos procesos que percorrían os topónimos desde que se rexistraban en campo ata que se publicaban na rede co sistema orixinal. A nova app Galicia Nomeada posibilita a optimización de tempo, de recursos materiais e humanos, e reduce todas as fases de traballo anteriores basicamente a dúas:
- A persoa, asociación ou organismo colaborador fará o traballo de campo xeolocalizando os nomes a través dos seus dispositivos móbiles ou do ordenador da súa casa. O contraste e a verificación da información farase primeiramente a través dun foro no que poderán participar todos os veciños que o desexen.
- Posteriormente, intervirán os especialistas en toponimia da RAG para normativizar eses topónimos, de xeito que queden consolidados na base de datos para a súa publicación neste portal da Toponimia de Galicia. Finalmente, poderanse consultar a través do “visor de topónimos”.
No que respecta ao traballo de campo, os principios expostos na fase 2 seguen sendo igualmente válidos e eficaces para realizar as enquisas toponímicas en campo coas persoas maiores que posúen o coñecemento da toponimia viva.