Entre os máis de 500 lugares hasbitados que forman o concello da Estrada hai un só existe neste municipio: Matalobos. É un apelido que levan pouco máis de 300 persoas en toda Galicia e máis da metade delas reside neste concello. A pesar de que parece un topónimo transparente, moitos dos investigadores que se achegaron á súa orixe fuxiron do seu significado aparente coma quen foxe do lobo.
Cabeza Quiles, autor dun traballo específico sobre a Toponimia da Estrada, considera como hipótese máis posible que Matalobos é un fitotopónimo, isto é, un nome de lugar con orixe nunha planta ou árbore. Segundo esta teoría, é probable, pois, que a forma orixinaria do topónimo fose unha *Mata de Lobos e fixese referencia a un lugar agreste cheo de matogueira onde se refuxiasen ou agochasen os lobos. O primeiro elemento sería, xa que logo, o termo do galego común mata, que ten orixe nunha voz prelatina MATTA. A documentación histórica doutros topónimos idénticos que atopamos na península ibérica pode servir para confirmar esta orixe: o lugar chamado Matalobos del Páramo, en León, está atestado antigamente como Mata de Lobos.
Outra hipótese que apunta Cabeza Quiles no seu estudo sobre a toponimia estradense é tamén fitotoponímica: a planta acónito ou anapelo coñécese en partes de Galicia como matalobos, pois popularmente atribúenselle ás súas follas velenosas a capacidade de matar os lobos. Na orixe, o lugar puido ser un *Campo de Matalobos, pero esta forma non está atestada na documentación antiga.
Alén das hipóteses toponímicas, Cabeza Quiles non descarta unha orixe antroponímica. Segundo esta hipótese, Matalobos sería o alcume dun cazador cuxa destreza cazando lobos fose digna de salientar, “condición que puido ser real ou propagandística, se lle facemos caso á certeira frase castelá menos lobos, usada para reprobar unha esaxeración”.
Aínda poderiamos apuntar unha cuarta hipótese, esta orográfica: trataríase dun composto coma o anterior, co verbo matar como primeiro elemento da serie, mais non referido a unha persoa, senón a un declive pronunciado no terreo onde se producise algún episodio que implicase a morte dalgún animal, isto é, un lugar onde morresen lobos de xeito espontáneo.
Sexa cal for a súa orixe, Matalobos é un bo exemplo de como os topónimos, mesmo aqueles que semellan transparentes, teñen motivacións que son difíciles de saber.
En otros artículos de la sección Detrás del nombre hemos insistido...
Los topónimos que coinciden con palabras del léxico común o que están incluidos en los diccionarios generales suelen tener una...