Catro hipóteses para explicar un topónimo estradense, Matalobos  

Entre os máis de 500 lugares hasbitados que forman o concello da Estrada hai un só existe neste municipio: Matalobos. É un apelido que levan pouco máis de 300 persoas en toda Galicia e máis da metade delas reside neste concello. A pesar de que parece un topónimo transparente, moitos dos investigadores que se achegaron á súa orixe fuxiron do seu significado aparente coma quen foxe do lobo.

Cabeza Quiles, autor dun traballo específico sobre a Toponimia da Estrada, considera como hipótese máis posible que Matalobos é un fitotopónimo, isto é, un nome de lugar con orixe nunha planta ou árbore. Segundo esta teoría, é probable, pois, que a forma orixinaria do topónimo fose unha *Mata de Lobos e fixese referencia a un lugar agreste cheo de matogueira onde se refuxiasen ou agochasen os lobos. O primeiro elemento sería, xa que logo, o termo do galego común mata, que ten orixe nunha voz prelatina MATTA. A documentación histórica doutros topónimos idénticos que atopamos na península ibérica pode servir para confirmar esta orixe: o lugar chamado Matalobos del Páramo, en León, está atestado antigamente como Mata de Lobos.

Outra hipótese que apunta Cabeza Quiles no seu estudo sobre a toponimia estradense é tamén fitotoponímica: a planta acónito ou anapelo coñécese en partes de Galicia como matalobos, pois popularmente atribúenselle ás súas follas velenosas a capacidade de matar os lobos. Na orixe, o lugar puido ser un *Campo de Matalobos, pero  esta forma non está atestada na documentación antiga.

Alén das hipóteses toponímicas, Cabeza Quiles non descarta unha orixe antroponímica. Segundo esta hipótese, Matalobos sería o alcume dun cazador cuxa destreza cazando lobos fose digna de salientar, “condición  que  puido  ser  real  ou  propagandística,  se  lle  facemos  caso  á  certeira  frase  castelá menos lobos, usada para reprobar unha esaxeración”.

Aínda poderiamos apuntar unha cuarta hipótese, esta orográfica: trataríase dun composto coma o anterior, co verbo matar como primeiro elemento da serie, mais non referido a unha persoa, senón a un declive pronunciado no terreo onde se producise algún episodio que implicase a morte dalgún animal, isto é, un lugar onde morresen lobos de xeito espontáneo. 

Sexa cal for a súa orixe, Matalobos é un bo exemplo de como os topónimos, mesmo aqueles que semellan transparentes, teñen motivacións que son difíciles de saber
 

Tamén che pode interesar...

Como já referimos em várias ocasiões nesta página, a etimologia popular é um fenómeno linguístico muito interessante…

A relação entre os brasões dos municípios e a toponímia é muito estreita. Ambos atuam como símbolos do território: enquanto o topónimo…