O mapa que podes ver nesta páxina amosa cal é a situación do estado de recolleita da toponimia de cada concello galego.
Premendo no nome dun municipio, aparece unha ficha coa seguinte información:
- O número total de topónimos recollidos ata o momento actual.
- O número de colaboradores/as que achegaron ou están actualmente introducindo nomes dese concello a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
- O número de topónimos procedentes de cada unha das tres fontes de información: para a toponimia maior temos o Nomenclátor de Galicia (toponimia oficial dos nomes de entidades de poboación); e para a toponimia menor ou microtoponimia temos os nomes recompilados polo Proxecto Toponimia de Galicia ( PTG 2000-2011) e os nomes de achega pública a través da aplicación colaborativa Galicia Nomeada.
Desde esta ficha pódese descargar toda a toponimia rexistrada nun concello ou parte dela —escollendo unha ou varias das 3 fontes de información— en formato csv. Na táboa de resultados móstranse os seguintes datos: o topónimo, a súa fonética, a tipoloxía xeográfica na que foi clasificado (fonte, muíño, terras, praia, penedo…), as observacións ou información complementaria achegada pola persoa que o recolleu e, por último, as coordenadas xeográficas (latitude / lonxitude) da súa localización para usar noutros sistemas de información xeográfica.
Respecto da paleta de cores, os concellos que presentan unha cor verde máis intensa son os que teñen a totalidade ou a meirande parte do seu territorio coa microtoponimia recollida. Os que teñen a cor verde máis suave son concellos que teñen soamente algunhas parroquias traballadas ou partes do seu territorio. Os concellos que aparecen coloreados dun verde amarelento conteñen algúns microtopónimos, pero a meirande parte do seu territorio está sen recoller. Por último, os concellos pintados cunha cor alaranxada non teñen ningún microtopónimo situado no visor.