Evaristo Domínguez e Xosé María Lema (membro do Seminario de Onomástica da RAG) recollen neste libro o amplo traballo de investigación sobre o concello de Zas que xa foran publicando na web municipal parroquia a parroquia desde o ano 2016.
Nesta obra recóllese a historia e os valores das 16 parroquias que conforman este municipio, con datos xeográficos, xeolóxicos, toponímicos, patrimoniais e literarios. O libro consta de 520 páxinas, 430 ilustracións e 47 táboas de datos.
En Zas polo miúdo vemos a historia destas parroquias desde o antigo réxime; estúdase a orixe do seu nome mais das aldeas que pertencen a cada unha delas; móstranse as manifestacións artísticas e monumentais; os persoeiros de sona que naceron e viviron nelas; así como a súa presenza na literatura, especialmente na obra de Eduardo Pondal.