Toponimia de Carnota

Toponimia de Carnota. Alfonso Blanco Quintela
Ano
2026
Edición
Real Academia Galega
Autoría
Alfonso Blanco Quintela

Caldebarcos, Lariño, Miñarzo, Nóutigos, Panchés, O Pindo... a Toponimia de Carnota está inzada de topónimos únicos. Vinte dos 59 nomes de lugar da toponimia maior e oito da toponimia menor analizados no presente volume poden ser considerados como tal.

Alfonso Blanco Quintela, autor tamén de Toponimia de Muros (2023), acomete nesta nova entrega o obxectivo de ofrecer unha mostra representativa dos nomes de lugar do municipio carnotán, dos que o portal colaborativo Galicia Nomeada recolle xa máis de 3500.

A colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugar dos concellos de Galicia para saber cal é a súa motivación e o seu significado, o que nos fará máis conscientes da relación co noso pasado, de como se conformou a nosa sociedade, de como é a natureza en que habitamos, a súa fauna e as plantas.