Anllóns e Anllo: cando un río forma ángulos

Anllóns é o nome dunha das correntes fluviais máis coñecidas de Galicia e o principal río da comarca de Bergantiños. Nace no Monte Xalo, percorre os concellos coruñeses da Laracha, Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños e Ponteceso, onde chega ao Atlántico pouco despois de pasar a casa natal do noso bardo, Eduardo Pondal.

É neste último concello, Ponteceso, onde dá nome ás únicas concorrencias que temos no Nomenclátor de Galicia do topónimo, a parroquia de Anllóns e ata tres localidades, Anllóns de Arriba, Anllóns de Tras dos Agros e Anllóns Grande. Mais tamén é nesta parroquia e nas lindeiras de Tella, A Graña, Cospindo e Cesullas, esta última no concello de Cabana de Bergantiños, onde aparece o trazo que define o río e mesmo o seu nome: os meandros.

Estas revoltas características do treito final do curso fluvial son as que, ao parecer de Moralejo en Toponimia gallega y leonesa e outros investigadores, están detrás do topónimo Anllóns a partir dunha base latina ANGULONES, derivado do substantivo ANGULU ao que se sumou o sufixo aumentativo -ONES. Por tanto, o Anllóns sería o río dos grandes ángulos ou meandros.

Esta forma latina ANGULU, ademais, “aparece  tamén  na  nosa  documentación altomedieval en contextos léxicos similares e que nos permiten asignarlle significados hoxe perdidos na lingua común, como ‘meandro, curva dun río’ ou mesmo ‘punto onde converxen dúas ou máis correntes de auga’”, segundo Martinez Lema. Desta forma, de ANGULU derivarían outros topónimos como Anllo, nome de tres parroquias de Galicia nos concellos de Santo Amaro e Sober (Anllo e San Martiño de Anllo) e de catro lugares nos concellos de Carballedo, A Pastoriza, San Amaro e San Cristovo de Cea, alén de Anllo Pequeno, O Campo de Anllo e Pacios de Anllo, na freguesía de Anllo do Concello de Sober, onde precisamente conflúen os ríos Sil e Cabe.

 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…