En Ponte Caldelas existe un castro á beira do embalse de Eiras onde morou, en tempos remotos, un habitante singular: un xigante de longas barbas. Así contan por estas terras pontevedresas a orixe do nome dunha das súas parroquias, Castro Barbudo.
Este relato popular non é único, pois repítese tamén para outros dous depósitos arqueolóxicos cun nome igual, como o Castro Barbudo de Rianxo, e o Castro de Barbude (en textos antigos aparece como Barbudo) ou Castro de Trasmonte, na Estrada. Ademais, estas denominacións non son exclusivas da toponimia galega: no municipio portugués de Vila Verde, próximo a Galicia, existe un Monte Barbudo e un Castro Barbudo.
Lonxe da tradición oral, foron varias as hipóteses que os expertos en toponimia deron sobre este curioso topónimo. No artigo “Arqueoloxía dun topónimo: o nome do Vigo romano”, o arqueólogo Manuel Santos Estévez defende que o antigo nome da cidade olívica foi Burbida, un topónimo que para Moralejo Álvarez sería de orixe hispano-céltica. Santos Estévez acredita nesta hipótese e indica que Burbida sería o nome antigo do Castro de Vigo. Para apoiar a súa tese, relaciona Burbida cos topónimos Barbude e Barbudo, os tres, segundo el, facendo referencia a outros tantos castros. Esta tese podería estar fundamentada pola similitude fonética do topónimo con outros como Barbanza, Barbaña ou Barbesa, que se adoitan explicar como orotopónimos prerromanos derivados dunha raíz *Bar- cun significado semellante ao de ‘depresión’, ‘costa’ ou ‘desnivel’.
Pola súa banda, Edelmiro Bascuas defende que Barbudo reproduciría o apelativo barbudo no sentido fitonímico de ‘vástago de planta’ ou ‘que ten pelos ou apéndices similares a barbas’, unha tese coa que concorda Fernando Cabeza Quiles na obra Toponimia da Estrada. Segundo este último, Barbudo sería un fitotopónimo referido a alturas “cuxas ladeiras, retomadas polo monte en forma de cuberta vexetal, puideron ser comparadas cos pelos dunha barba”. A esta hipótese, engade unha terceira vía que non exclúe a anterior: a posibilidade de que no galego antigo a forma barbudo se empregase para “un tipo de plantas específicas, talvez parasitas, con raíces aéreas ou non, que recordasen unhas barbas longas”, tendo en conta que o Padre Sobreira rexistra no século XVIII o adxectivo barbudo aplicado a árbores ou plantas “que tienen como barbas”.
En conclusión, é posible que en Castro Barbudo houbese "barbas", pero non dun xigante, senón de plantas.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…