O concello ourensán de Baños de Molgas está formado por só 43 aldeas e 14 parroquias, un número escaso se o comparamos cos case 800 lugares e 21 parroquias do concello coruñés de Ortigueira. Porén, entre estes poucos nomes do municipio ourensán observamos varias alfaias únicas en toda Galicia: Cachagonza é unha delas.
A pesar de ser un topónimo que non se repite en todo o territorio galego, o primeiro elemento, Cacha-, é común ao doutros topónimos galegos, como Cachaldora, Cachalvite, Cachamaría, Cachamuíña, Cachaplaza, Cachapraz, Cacharrequille ou Cachaxuás, todos eles na provincia de Ourense, ao que cómpre sumarmos un Cacharenzo na provincia de Pontevedra e talvez un Cachavella no concello coruñés de Oza Cesuras.
Este elemento Cacha-, de difícil interpretación a simple vista, foi explicado por diferentes autores xa desde antigo. Nos anos 30 do século XX, George Sachs relacionouno cunha raíz gótica gats ‘estranxeiro’. Defendía a súa hipótese a partir dunha palatalización GATS > cach- paralela ao que ocorreu no grupo consonántico -ST- latino na súa evolución ao galego nas formas dos verbos en segunda persoa do singular do pretérito de indicativo, AMASTE > amaches. Porén, como ben indica Antón Palacio na súa tese sobre a toponimia do concello lucense de Pantón “lo que ocurre en esas formas verbales es que la -i final provoca la palatalización del grupo -st- , lo que no se da en casos como *Kastosind que Sachs supone en la base de Cachouzende”.
Joseph Piel tamén descartou a hipótese de George Sachs. Este considerou, nun primeiro momento, que o elemento Cacha- presente en Cachagonza procedía dunha forma latina diminutiva *CASTULU ou *CASTLU, diminutivo de CASTRUM. Malia ser semanticamente viable, posteriormente Piel desbotou esta teoría tras afirmar que era ben difícil de xustificar desde o punto de vista gramatical. No entanto, propuxo a súa procedencia dun apelativo latino, ausente dos dicionarios, pero relacionado con outros topónimos galegos, como Cachada, Cachadiña, Cachadela, hipótese que tamén acepta Palacio no seu estudo sobre a toponimia pantonesa e outros autores como Rivas Quintas. Este último, a respecto dun A Cacha Piñeira do concello de Marín, propón unha etimoloxía CAPULO, CAPULARE ‘cortar, dividir en partes’.
Porén, doutra opinión é a académica correspondente Luz Méndez na súa obra sobre a Toponimia de Agolada. A respecto do topónimo Cacharenzo, lugar da parroquia de San Paio de Bais deste concello pontevedrés, parécelle “razoable pensar tamén nun CASA ARENTIO, dado que non é estraña a evolución do latín CASA a CACHA na toponimia galega”. E cita, entre outros, o Cachagonza de Baños de Molgas.
Para este caso de Cachagonza, se temos en conta esta última hipótese e que o segundo elemento do topónimo, -gonza, sería un antrotopónimo estudado polos alemáns Piel e Kremer como un derivado da raíz xermánica *gunthi ‘loita’, Cachagonza sería en orixe a Casa de Guntia.
Bibliografía
- Méndez, Luz (2016): Toponimia de Agolada. A Coruña: Real Academia Galega
- Palacio, Antón (1981) Toponimia del ayuntamiento de Pantón (Lugo) Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
- Piel, Joseph M. /Dieter Kremer (1976) Hispano-gotisches Namenbuch. Heidelberg: Carl Winter.
- Rivas Quintas, Elixio (1982): Toponimia de Marín. Verba, Anuario Galego de Filoloxia, Vol. 18.
As lavandeiras desempeñaban un oficio fundamental no país ata ben entrado o século XX. Son icónicas as…
O río Asma marca en boa medida a identidade e a paisaxe de Chantada, pois cruza o territorio deste concello de leste a…