Topónimos xacobeos en Forcarei

O Camiño Francés, O Camiño Inglés, A Vía da Prata, O Camiño de Inverno, O Camiño Portugués... todas son rutas de peregrinación a Santiago de Compostela internacionalmente recoñecibles e moi transitadas. No entanto, existiron outra moitas vías históricas que non resistiron o paso do tempo e foron caendo no esquecemento case sen deixaren pegada. Algunha delas foron recuperadas recentemente grazas, entre outras, á toponimia. En Forcarei temos un bo exemplo.

O Camiño da Geira e dos Arrieiros é unha ruta medieval que se empregaba para transportar o viño do Ribeiro a Compostela, mais, na orixe foi tamén unha das moitas rutas de peregrinación xacobea. O nome da freguesía de Meavía está aí para lembrar o seu paso por terras de Forcarei. Procede do latín MEDIAM VIAM e fai alusión a un lugar situado no medio dun camiño entre dous puntos equidistantes.

Mais este non é o único topónimo con reminiscencias xacobeas que atopamos neste municipio pontevedrés. Na propia freguesía de Meavía existe un outro topónimo viario, A Rúa, que fai referencia a un camiño con vivendas aos lados. Outros topónimos A Rúa situados ao pé do Camiño de Santiago están localizadas en Ordes, Mos, Padrón ou Betanzos. 

Na freguesía de Pardesoa existen outros dous nomes estreitamente vinculados coas peregrinacións xacobeas. O primeiro é o máis evidente de todos: a advocación da parroquia é o propio Santiago. Mais tamén está o lugar de Pousada, un topónimo viario propio dos camiños e as vías de comunicación. Procedente do latín PAUSATA , participio do verbo PAUSARE ‘pousar’, e este derivado de PAUSA, na orixe puido facer referencia tanto á existencia dunha pousada ou venda para descansaren e repoñeren forzas os viaxeiros e camiñantes a Compostela como, máis probablemente, a un núcleo habitado situado nun tramo de camiño onde poder descansar.
 

Tamén che pode interesar...

Moitas veces reparamos nesta sección naquelas xoias toponímicas que, por seren únicas, destacan entre os máis de 42.000 topónimos que…

O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou cambiar a denominación oficial da parroquia de Moscoso (San Paio)…