Como xa temos falado en reiteradas ocasións nesta páxina, a etimoloxía popular é un fenómeno lingüístico ben interesante mediante o cal os falantes reinterpretan aquelas palabras de orixe pouco clara ou con significado escuro asociándoas a termos que coñecen do seu propio idioma. Deste xeito, elaboran un relato para que sexan comprensibles aqueles nomes que non son capaces de entender.
A toponimia é, sen dúbida, un ámbito propicio para que se dea con frecuencia este fenómeno, xa que en moitos casos a distancia temporal que nos separa da data de nacemento dos nomes de lugar provoca que estes deixasen de ser transparentes para a veciñanza ou que se descoñeza a súa motivación. Non hai concello do país en que non escoitemos unha lenda que tente deitar luz sobre algunha das súas aldeas ou parroquias recorrendo a este tipo de relatos máis ou menos fantasiosos. Baralla non podía ficar á marxe: segundo aínda se escoita neste concello dos Ancares, nas reunións que se producían nunha taberna local eran frecuentes as rifas ou as liortas, isto é, as barallas, voz que no galego común aínda ten o significado de ‘enfrontamento entre varias persoas en que hai berros, discusións e golpes’.
Agora ben, por moi inverosímiles que nos poidan parecer estas lendas populares, ás veces non andan desencamiñadas na interpretación da orixe e significado dalgúns topónimos. Segundo sosteñen Lorena Carrasco e Gonzalo Navaza, o topónimo Baralla pode estar vinculado con este significado de ‘contenda, disputa’ e podería ter xurdido a partir dunhas terras que foron obxecto dun litixio entre diversas xurisdicións, mosteiros ou señoríos. Porén, non existen testemuños documentais sobre esta posible enfrontamento que se debeu producir antes do século X, data que que xa estaba atestado o topónimo baixo a forma Baralia.
Alén desta hipótese ofrecida por Carrasco e Navaza, outros autores propuxeron a ascendencia latina do topónimo a través dun derivado do termo VARALE ‘varal’. Daquela, faría referencia a terreos delimitados con sebes feitas de paus longos ou vimbios entrelazados. Baralla sería, xa que logo, equivalente a outros topónimos galegos como A Cerca, O Cercado, O Valado, Valadares... Porén, a documentación medieval non semella confirmar esta hipótese, pois as formas antigas con B- non cadran ben coa evolución esperada do topónimo.
Por último, outra liña de investigación abriuna Edelmiro Bascuas, quen apunta unha orixe prerromana para este topónimo que contería a raíz hidronímica *BAR- presente noutros topónimos galegos como Barrantes, Barbanza ou Bares, que adoita vincularse con nomes de ríos ou cursos de auga. De ser así, Baralla gardaría memoria dunha paisaxe fluvial anterior á romanización.
BIBLIOGRAFÍA
Carrasco, Lorena / Gonzalo Navaza (2014): Toponimia do Val de Fragoso. 3. Beade. Vigo: Universidade de Vigo
Bascuas, Edelmiro (2014): Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega. Vigo: Universidade de Vigo
A relación entre os escudos dos concellos e a toponimia é moi estreita. Os dous actúan como símbolos do territorio: mentres o topónimo…
Entre os máis de 500 lugares hasbitados que forman o concello da Estrada hai un só existe neste municipio: Matalobos…