A historia de Mondariz Balneario está estreitamente ligada ás súas augas e, sobre todo, á Fonte de Troncoso. A mediados do século XIX, aquel lugar era apenas un pequeno barrio con só 5 vivendas habitadas pertencente á parroquia de Mondariz. A redescuberta dos mananciais no monte do Saidoiro e a confirmación das propiedades mineromedicinais das augas cambiaron por completo o destino da zona, que acabaría converténdose nun concello propio e nunha referencia mundial como establecemento hoteleiro para o goce das súas salubres augas.
Aínda que xa no século XVIII existen referencias ás augas curativas de Troncoso -o escritor Pedro Gómez de Bedoya y Parede mencionábaas en 1772 na súa Descripción de 54 fuentes minerales del Reyno de Galicia- , non foi ata o século XIX cando se "redescubriron” e se planificou o seu aproveitamento termal. En 1873, a Fonte de Troncoso foi declarada de utilidade pública, un recoñecemento que lles permitiu aos irmáns Enrique e Ramón Peinador, que levaban anos adquirindo terras na contorna, impulsar o seu soño de crear un balneario moderno.
Aquel proxecto non estivo libre de dificultades, tal e como ralatou Yolanda Pérez Sánchez na súa tese de doutoramento El balneario de Mondariz. La creación de un lugar (1873-1931), pois os Peinador mantiveron durante anos un duro conflito co Concello de Mondariz pola propiedade dos mananciais de Troncoso e da Gándara. A disputa demorou as obras de mellora da fonte ata que, en 1905, o litixio se resolveu ao seu favor. Mentres tanto, eles e outras figuras influentes da zona comezaron a defender a idea de que o barrio debía contar cunha administración propia. Deste xeito, impulsaron a creación da Sociedade de Amigos do País de Troncoso-Mondariz, co fin de protexer os intereses locais e promover a separación do barrio respecto ao Concello de Mondariz.
Ese mesmo ano, 1904, deuse un paso importante para conseguir a aspiración dun concello independente: o bispo de Tui asignoulle un párroco propio e así naceu a parroquia de Troncoso, primeiro baixo a advocación de Nosa Señora do Carme e, pouco despois, Nosa Señora de Lurdes, que segue a ser hoxe a patroa protectora de Mondariz Balneario. Este feito cobra maior importancia cando en 1924 unha disposición do Goberno permitiu que as entidades locais menores puidesen converterse en concellos, especialmente se coincidían cunha parroquia. A aprobación do Estatuto Municipal de 1924, redactado polo ministro José Calvo Sotelo, consolidou esa opción. Calvo Sotelo, que visitara o balneario en varias ocasións e gozaba da amizade dos Peinador, foi un dos principais valedores da causa.
Finalmente, o 30 de novembro de 1924, Mondariz Balneario constituíuse oficialmente como concello independente, segregándose de Mondariz. A independencia confirmouse por Real Decreto do 10 de xaneiro de 1925 e, pouco despois, en abril dese mesmo ano, o rei Afonso XIII e o xeneral Primo de Rivera concedéronlle o título honorífico de “Moi Hospitalaria Vila de Mondariz Balneario”.
O nome elixido para o novo concello, Mondariz Balneario, foi un tanto artificial e estraño á toponimia galega: se xa é infrecuente a aposición de dous substantivos, máis o é o uso do termo balneario, un cultismo de entrada serodia que desprazou a forma tradicional galega que se emprega para designar os ‘establecementos onde se poden gozar da auga con propiedades medicinais’, baño ou baños. Repárese, por exemplo, na instalación situada nas proximidades da Coruña que sempre recibiu o nome dos Baños de Arteixo.
Nos últimos tempos, algúns veciños deste concello pontevedrés están a reivindicar a importancia da Fonte de Troncoso e darlle o valor que merece para bautizar o concello en lugar deste nome artificial, Mondariz Balneario. O propio Enrique Peinador barallou esta denominación nas primeiras reunións en que se valorou a creación do concello. Con todo, acabou decantándose por Mondariz Balneario pola vinculación do novo concello coa sona da que xa gozaban as súas augas.
Respecto á orixe do topónimo Mondariz, este deriva do xenitivo dun nome persoal de orixe xermánica que se adaptou ao latín como MONDERICUS / MUNDERICUS. Xa en galego presentaba as formas Munderigo ou Mondrigo e outras variantes. Segundo Piel-Kremer, este antropónimo bitemático estaría formado por un primeiro elemento MUND- / MOND- ‘man, portección’ e un segundo elemento xermánico –RIKAZ, latinizado como –RICUS ‘poderoso, famoso’. Da mesma orixe etimolóxica son outros topónimos galegos bisilábicos como Mondriz (parroquia de Castro de Rei) e Mundrís (aldea do concello da Baña).
Pola súa banda, Troncoso é un derivado de tronco (lat. TRUNCUS) ‘toro de madeira, talo de árbore cortada’ + o sufixo abundancial - OSO, en referencia a un lugar onde había troncos de árbores cortadas, un bosque de toradas do que se extraía madeira para a construción.
Fontes e bibliografía
Navaza, Gonzalo (2006): Fitotoponimia galega. A Coruña: Fundación Barrié. Biblioteca Filolóxica Galega do Instituto da Lingua Galega
Pérez Sánchez, Yolanda (2005): El balneario de Mondariz. La creación de un lugar (1873-1931). Tese de doutoramento. Santiago de Compostela
Piel, Joseph M.Dieter Kremer 1976. Hispano-gotisches Namenbuch. Heidelberg: Carl Winter
Como xa temos falado en reiteradas ocasións nesta páxina, a etimoloxía popular é un fenómeno lingüístico ben…
A relación entre os escudos dos concellos e a toponimia é moi estreita. Os dous actúan como símbolos do territorio: mentres o topónimo…