A rapazada lancará xa está preparada para recoller a súa microtoponimia

A rapazada de Láncara xa está preparada para recoller a súa microtoponimia e introducila na plataforma Galicia Nomeada. O pasado venres 20 de setembro, Toponimízate achegouse ata A Pobra de San Xiao para entrar nas aulas do CPI Ramón Piñeiro. Alí agardaban Carlos Carballo Sieiro, director do centro, e Alba Sangil de Andrés, concelleira de Desenvolvemento Local, Cultura, Deporte, Medio Ambiente, Participación Veciñal e Novas Tecnoloxías do Concello de Láncara, para recibir e presentar a Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

O acto serviu para que as novas xeracións de Láncara coñecesen o importante papel que poden desenvolver neste proxecto colectivo de salvagarda da nosa toponimia menor (nomes de terras, fontes, regueiros, penedos...). Eles son o novo elo dunha cadea de transmisión que soubo manter o patrimonio inmaterial de xeración en xeración ata os nosos días. Agora tócalles rescatalo da memoria dos seus avós e avoas para seguilo difundindo, pero a través das novas tecnoloxías en vez da oralidade como se fixo secularmente.

Vicente Feijoo convidou a alumnado e profesorado a unirse á ampla nómina de centros de ensinos que xa traballan man a man con Galicia Nomeada para recuperar e difundir a súa toponimia, traballo que ten un potencial didáctico moi produtivo. Cómpre ter en conta que o concello lancarao apenas ten microtoponimia recollida, pois non foi obxecto de estudo na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011). Actualmente só conta con 70 microtopónimos no visor de Galicia Nomeada, cando debe ter milleiros por todo un extenso territorio de 121,66 km².

Para facilitarlles a tarefa de recolla á rapazada e ao profesorado, o coordinador técnico da plataforma explicoulles as súas principais funcionalidades, tanto da versión de escritorio como das aplicacións para dispositivos móbiles: como introducir un topónimo, como anexar imaxes, audios ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor...

Xa para rematar, Vicente Feijoo conseguiu chamar a atención do alumnado falándolles da orixe e significado dos nomes das 27 parroquias e das aldeas polas que preguntaron. Suscitou moita curiosidade o feito de que haxa unha freguesía denominada Galegos, pois o alumnado considera que “galegos somos todos os habitantes de Galicia”. Este topónimo puido estar motivado por ser unha forma de distinguir os seus moradores en oposición aos habitantes de Toldaos, outra das parroquias deste concello. O significado deste último remítenos ao xentilicio TOLETANOS, isto é, xente procedente de Toledo que se asentou nestas terras. Daquela, a hipótese é que, mentres uns eran “estranxeiros” de Toledo, outros serían “galegos” de Láncara. A lección de xeografía tamén tivo un espazo reservado para falar do topónimo A Vizcaia, que explicamos neste artigo.

Toponimízate despide setembro en Barro

A campaña da Real Academia Galega e a Secretaria Xeral da Lingua despiden o mes de setembro visitando o concello pontevedrés de Barro. A cita será o vindeiro venres 27 a partir das 20:00 horas no Salón de Plenos do Concello.

Galería de imaxes
Tipos