A colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugar dos concellos de Galicia. O punto de partida son os núcleos de poboación establecidos no Nomenclátor publicado pola Xunta de Galicia en 2003, e mais os principais accidentes xeográficos ou lugares característicos da zona (ríos, montes, pontes...). Coñecer a motivación e o significado dos nomes dos sitios onde vivimos e de onde vimos, onde naceron os nosos devanceiros e que acollerán os nosos fillos, faranos máis conscientes da relación co noso pasado, de como se conformou a nosa sociedade, de como é a natureza en que habitamos, a súa fauna e as plantas. Significará identificármonos mellor como sociedade e como pobo e tamén como individuo, pois todos temos a nosa propia vinculación sentimental cos nosos lugares.
Xosé Ramón López Boullón, o autor do número 5 da colección, correspondente á toponimia de Ames, formou parte do Proxecto Toponimia de Galicia e recolleu a microtoponimia do concello de Ames. É un gran coñecedor e divulgador da toponimia da zona.