A colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica ten como obxectivo estudar os nomes de lugar e parroquia dos concellos de Galicia, partindo do Nomenclátor publicado pola Xunta de Galicia en 2003, xunto cos nomes dos principais accidentes xeográficos de cada termo municipal.
Saber cal é a motivación e o significado dos nomes dos sitios onde vivimos ou de onde procedemos, onde naceron os nosos devanceiros e que acollerán os nosos fillos, faranos máis conscientes da relación co noso pasado, de como se conformou a nosa sociedade, de como é a natureza en que habitamos, a súa fauna, plantas... Significará identificármonos mellor como sociedade, como pobo e tamén como individuos, pois todos temos a nosa propia vinculación sentimental cos nomes dos nosos lugares de orixe.
Fernando Cabeza Quiles, autor de dous libros desta colección, Toponimia da Estrada e Toponimia de Carballo, é un dos principais investigadores e divulgadores da toponimia galega, con varios libros e moitos artigos publicados ao longo de máis de trinta anos. Entre estas publicacións, podemos destacar títulos como Toponimia de Galicia. Guías A-Z (2008) e A toponimia celta de Galicia (2014).