Triacastela coñeceu o que significan os nomes da súa terra grazas a Toponimízate

Triacastela, o concello dos tres castros, foi a primeira parada da programación de outono da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra á que asistiron numerosos veciños e tamén algún peregrino no seu camiño a Santiago de Compostela. A cita foi conducida por Vicente Feijoo, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, e tivo lugar o pasado venres 1 de outubro nunha carpa situada na praza do Concello de Triacastela. A encargada de presentar o acto foi a alcaldesa do concello, Olga Iglesias.

No transcurso da charla, as persoas asistentes puideron coñecer o funcionamento da ferramenta colaborativa Galicia Nomeada coa que a Real Academia Galega mais a Xunta de Galicia procuran salvagardar todo o tesouro topónimo do país. Tanto a versión web como a aplicación suscitaron moito interese entre os triacastelaos, quer para engadir nova toponimia non contemplada no PTG, quer para ampliar e mellorar a información xa recollida. A propia alcaldesa do concello amosou interese na aplicación e mesmo buscará a posibilidade de empregala o vindeiro ano durante o desenvolvemento dos campamentos de verán.

Porén, a parte que causou máis sensación foi a dedicada á explicación dos nomes de lugar do concello. Vicente Feijoo explicou que o topónimo que lle dá nome ao concello, e unha das súas parroquias, procede do latín TRIA CASTELLA , onde TRIA é o plural neutro do numeral tres e CASTELLA é o plural neutro de CASTELLUM, ‘castelo, castro’. Polo tanto, fai referencia á existencia de ‘tres castros pequenos neste territorio”, cuxa orixe xa está documentada nun documento do mosteiro de Samos do ano 922. Algún asistente teorizou sobre cales serían estes tres castros. Outros tres topónimos que se trataron na charla podes consultalos nesta ligazón.

Outeiro de Rei, próxima charla Toponimízate

A localidade lucense de Outeiro de Rei será a próxima parada da campaña "Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra". A cita, o 15 de outubro, ás 19:00 h no Salón de actos da Casa da Cultura.

 

Galería de imaxes
Tipos