Esta publicación recolle as intervencións dos 11 relatores que participaron na V Xornada de Onomástica de Pontevedra 2020, nesta ocasión dedicada aos nomes comerciais (brand names en inglés). A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra organizaron este encontro, que tivo lugar de forma telemática o día 7 de novembro, para reflexionar sobre unha das pólas da Onomástica que ata agora non tivera moita consideración.
Os nomes comerciais identifican todo tipo de produtos, bares, restaurantes e tendas, polo que tamén deixan unha importante pegada na paisaxe lingüística. A elección do galego para denominar estes produtos, establecementos e marcas ten implicacións sociolingüísticas claras e contribúe á normalización do noso idioma.
Nos diferentes artigos desta publicación atoparemos información sobre o valor das marcas galegas, as tendencias de nomeamento dos establecementos e dos produtos comerciais, en que se inspiran, as estratexias de marketing empregadas e como funcionan no mercado... Tamén se examina o seu papel na normalización lingüística e as oportunidades pedagóxicas que ofrece este material para traballar nas aulas.