Co gallo de se celebrar en 2021 o Ano Santo Compostelán, a VI Xornada de Onomástica tivo como eixo os nomes do Camiño de Santiago. As perspectivas de estudo que recolle o volume son diversas: a Idade Media, na época da consolidación do Camiño, cunha achega sobre os cambios nos significados dos corónimos Galicia e España ao longo da historia, de Anselmo López Carreira, e outra sobre o valor da toponimia para a crítica textual (neste caso, na transmisión do Códice Calixtino de José María Anguita Jaén). Nunha segunda parte, recóllense estudos sobre o propio nome de Santiago: Sandra Beis Silva achégase as súas moitas variantes na antroponimia e na toponimia peninsular; e Pilar Cagiao relata a súa presenza na toponimia americana. A terceira parte está dedicada ás experiencias didácticas con base na toponimia dun tramo do Camiño no concello de Ames, escritas por Mª Carmen Liñares e Luciano Fernández. Finalmente, recóllense os textos dunha mesa redonda sobre o estudo da toponimia no Camiño de Santiago, na que participaron Valentín García Gómez, Eduardo López Pereira, Cristina Sánchez- Carretero e Gonzalo Navaza, e en que se conclúe a oportunidade de celebrar un congreso internacional sobre o tema, como corresponde á condición de Galicia de ser a meta do Camiño e á súa posición de liderado nos estudos toponímicos.
Ano
2022
Edición
Luz Méndez, Ana I. Boullón Agrelo
Tipo