A aplicación Galicia Nomeada triunfa entre a rapazada do IES Ponte Caldelas

Tres meses despois de levar a campaña Toponimízate ao concello de Ponte Caldelas, o coordinador técnico da plataforma Galicia Nomeada regresou este mércores 21 de febreiro a este concello pontevedrés. Desta vez, Vicente Feijoo cruzou a porta do IES Ponte Caldelas para acudir á chamada de varias profesoras deste centro de ensino. 

A pontecaldelá Isabel Torres Jack, profesora de Tecnoloxía e Dixitalización do centro, contactou hai uns meses coa Real Academia Galega co obxectivo de sumarse co seu alumnado ao proxecto de recolla da microtoponimia do concello de Ponte Caldelas aproveitando toda a potencialidade que ofrece traballar cunha aplicación informática en galego, como é Galicia Nomeada.

Con esas premisas, o obradoiro que impartiu Vicente Feijoo a arredor duns 60 alumnos e alumnas de 4º da ESO e no que tamén estivo presente a profesora de Lingua e literatura galegas Susana Blanco Diéguez, foi totalmente práctico. Non faltou, porén, unha pequena introdución sobre a importancia que teñen na nosa vida cotiá os topónimos, tanto os grandes nomes como aqueles menos evidentes para as novas xeracións: nomes de regos, de fontes, de leiras, de carreiros, de penedos... Nomes que sofren o paso do tempo e corren o risco de esmorecer.

Após desta breve introdución, o groso do obradoiro no IES de Ponte Caldelas non podía ser outro que as principais funcionalidades de Galicia Nomeada para traballar con ela tanto nas aulas como fóra delas, en versión web e coa app para dispositivos móbiles. Deste xeito, explicoulles como engadir un novo topónimo no visor, como engadirlle unha descrición ou unha lenda, como subir unha imaxe que poidan tirar ou achegar algunha gravación que testemuñe a pronuncia do topónimo por parte dos seus avós e avoas.

Ademais do contido práctico, a rapazada deste centro de ensino, procedente dos concellos da Lama, de Fornelos de Montes e de Ponte Caldelas, puido preguntarlle a Vicente Feijoo pola orixe dos nomes de cada unha das aldeas e parroquias en que vivían. Entre as diversas anécdotas que protagonizaron esta parte do relatorio, cómpre salientar a que xurdiu co topónimo A Barbeira, pois o alumnado pensaba que estaba relacionado coa forma do galego común que identifica unha profesión. Boa sorpresa levaron ao coñeceren que se trata dun topónimo moi antigo referido ás augas: contén a raíz prerromana hidronímica *BARB-, que á súa vez vén da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, fluír', presente noutros topónimos como Barbantes, Barbantiño, Barbanza, Barbadás ou Barbeira.

Outro dos topónimos singulares que chamou a atención foi o de Verdugo, nome do famoso río que rega estas terras pontevedresas. Os testemuños antigos remiten a un étimo do latín *VIR(I)DUCUM, talvez co significado de ‘rebento, fillo dunha planta’, derivado de VIRIDE ‘verde’ e probablemente faga referencia á abundancia de vexetación verde nas beiras deste río ou á cor verde das súas augas. A forma *Verduxo, que tivo certo suceso recentemente, débese talvez a unha hipercorrección, como apuntou Moralejo Laso xa en 1977 no seu artigo “Sobre grafía y pronunciación de los topónimos gallegos”. Este *Verduxo partiu probablemente dunha pronuncia con gheada, Verdugho, que se interpretou como castelanismo e, posteriormente, foi hipercorrixida en *Verduxo.

Agardamos que as indicacións dadas sirvan para que axiña o IES Ponte Caldelas se una ao IES Marco do Camballón, visitado hai unhas semanas, e ao máis de medio cento de centros de ensino que están participando na actualidade na tarefa colectiva da recolla toponímica ao incluír o proxecto Galicia Nomeada entre as súas actividades educativas. 

Por último, queremos agradecerlle a Isabel Torres a vontade de incluír Galicia Nomeada dentro da súa docencia na materia de Tecnoloxía e convidamos ao resto de centros de ensino do país a contactar connosco para levar adiante esta interesante actividade lúdica e didáctica nas súas aulas.
 

Galería de imaxes
Tipos