Un dos topónimos máis repetidos ao longo da nosa xeografía é Fraga: existe máis dun cento de entidades de poboación de Galicia que posúen a forma fraga na súa denominación, ben soa, ben precedida de artigo, acompañada dun adxectivo (A Fraga Alta, Vilalba), como núcleo dunha frase nominal (A Fraga do Rei, en Salvaterra do Miño) ou como modificador desta frase (A Beira da Fraga, en Ourol). Existen ducias de rúas da Fraga en concellos das catro provincias galegas. E, se escribimos a palabra no buscador de Galicia Nomeada, devólvenos nada máis e nada menos que 2.379 entradas diferentes.
Unha grande parte destas fragas toponímicas remiten á existencia dunha “extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias”, isto é, o significado principal que este substantivo ten no galego actual. A Fraga de Catasós ou As Fragas do Eume son dous dos máximos expoñentes destas formacións arbóreas que, noutrora, foron máis abundantes no territorio.
Porén, o que en grande parte do territorio galego é un fitotopónimo, isto é, un nome de lugar que fai referencia a plantas ou árbores, no sueste da provincia de Ourense (concellos como O Riós, A Gudiña, Vilardevós, A Mezquita, Laza, Castrelo do Val, Viana do Bolo... ) unha fraga ten outro significado: é unha “pedra grande enterrada, que asoma á superficie” ou un “rochedo”. Esta significación como litotopónimo -nome que fai referencia ás pedras- tamén se atopa na parte do norte de Portugal lindeira coa provincia ourensá.
Ademais dos moitos topónimos rexistrados polo PTG nos citados concellos desta zona do sueste ourensán nos que claramente Fraga fai referencia a un penedo, un usuario de Galicia Nomeada acaba de engadir nestes días varios microtopónimos con este mesmo valor no concello da Rúa, como A Fraga da Lastra, A Fraga da Perdiz, ou A Fraga da Francisca. Neles especifica esta matización semántica que fai que nesta parte da nosa xeografía as fragas non teñan nin tivesen árbores como referentes toponímicos.
Grazas a estas achegas tan valiosas dos colaboradores e colaboradoras e de Galicia Nomeada poderemos saber ata onde chega o valor primario de fraga como pedra no noso territorio.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…