A neve non impediu que Toponimízate chegase a Folgoso do Courel

Vicente Feijoo desprazouse un día de temporal e neve ata Folgoso do Courel para captar novas e novos entusiastas da recolla toponímica entre a rapazada e o profesorado do CPI Uxío Novoneyra, nunha terra onde este patrimonio corre especial risco de perderse polo intenso despoboamento.

A rapazada preguntou polos nomes da súa terra e souberon da orixe de moitos deles, ademais de comentar algunhas cuestións curiosas sobre o seu contorno. Unha das cuestións nas que máis fincapé fixeron foi en que alí dicían Caurel e non Courel como figura no topónimo oficial. Vicente Feijoo explicoulles que Courel é un topónimo controvertido en canto á súa orixe, pois hai especialistas como Gonzalo Navaza que opinan que poderían proceder dun étimo QUADRELLU, en correspondencia co portugués Courela ‘pequena terra de cultivo’; mentres que Nicandro Ares pensa que podería tratarse dun nome persoal *CAURELLUS, diminutivo de CAURUS.

No que respecta á forma oficial, malia que se ten constancia de que Caurel aparecía nos textos antigos escritos en latín, Courel é a única forma autóctona atestada en textos galegos e casteláns desde a Idade Media ata o século XVIII na documentación antiga consultada. Ademais, a secuencia AU en galego é inestable, sobre todo en sílaba átona, e dá OU en condicións normais (por exemplo, de CAUTARE > coutar, de AURUM > ouro). Tamén se sorprenderon os nenos ao saber que o nome da parroquia de Meiraos se debe á chegada de xente procedente de Meira que se asentaron nestas terras; que na parroquia de Hórreos non tiña que haber necesariamente esta típica construción galega para gardar o millo e outros cereais, pois detrás deste nome tamén pode estar a raíz oronímica prerromana *Orr- / *Urr- co valor de ‘val entre montañas’; ou que Esperante, Mostaz, Baldomir, Mercurín, Froxán e Vilasibil son nomes persoais dos propietarios das terras ou fundadores da aldea.

Durante a charla tamén comprobaron o funcionamento da nova app Galicia Nomeada que se presentará o vindeiro 20 de decembro. Os máis pequerrechos xa están desexando utilizala, sexa por interese cultural ou sexa pola ansia de utilizar o teléfono móbil.

Seguintes charlas Toponimízate

Logo de Folgoso do Courel, as seguintes paradas da campaña Toponimízate serán esta mesma semana en Cerdedo Cotobade (17 de decembro, sala de usos múltiples, 15.45 horas) e Pazos de Borbén (19 de decembro, auditorio do Concello, 12:30 horas) e en Vilalba a vindeira (27 de decembro, Casa da Cultura, 20:00 horas).

Galería de imaxes
Tipos