Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación está ben explicada polo investigador Manuel Fajardo Piñeiro na súa obra Historia e vida da ría de Arousa: ábrense e límpanse as ostras, frítense en aceite oliva e somérxense nunha mestura de viño, vinagre de uva, allo, loureiro, cravo, canela e sal. Agora ben, non valían unhas ostras calquera: tiñan que ser da ría da Arousa e, máis en concreto, as de Abanqueiro.
Malia que esta receita é ben sinxela, hoxe sería practicamente imposible preparala porque xa non existe o prezado banco marisqueiro de ostras do que se provía a Casa Real. Pero a súa lembranza segue viva pola Barbanza, ata o punto de que a tradición popular aínda relaciona o topónimo Abanqueiro con este banco de ostras.
Os expertos en toponimia non comparten esta opinión do lugar de extracción do prezado molusco para explicar este topónimo único no Nomenclátor de Galicia. Algúns autores, como Edelmiro Bascuas ou Fernando Cabeza Quiles relacionan este topónimo coa voz homónima do galego común abanqueiro, palabra que o DRAG define como ‘desnivel brusco ou pronunciado no leito dun río onde se precipita a auga’; isto é, unha fervenza. Segundo Cabeza Quiles, o topónimo Abanqueiro estaría incluído dentro dos diferentes topónimos que fan referencia á existencia dun salto de auga nas súas proximidades, como Cadoiro, Seimeira, Fervedoiro, Fervenza, Fecha, Ruxidoiro... A existencia dun lugar na propia parroquia chamado O Saltiño podería confirmar esta hipótese, aínda que non hai constancia dun salto de auga tan importante nese lugar como para motivar o nome de toda a parroquia.
Edelmiro Bascuas supón que fervenza ou salto de auga puido ser o sentido orixinario do topónimo. Dada a situación do lugar e da freguesía na beira da ría, non descarta a súa relación cunha raíz hidronímica *ab e con dúas palabras que dela derivan: *abankos ‘castor’; e *abanko ‘salgueiro’. Nos dous casos, o sufixo do topónimo -eiro engadiríalle o matiz abundancial.
Por outra banda, Juan José Moralejo nega a relación deste topónimo cun salto de auga. Para el, trátase dun fitotopónimo céltico procedente da raíz *abanko- co significado ‘vimbio, vimbieiro’ e tería, ademais, un paralelo na rexión francesa da Saboia, Les Avanchers.
Vimbios, castores, ostras ou saltos de auga? Son moitas as dúbidas que temos para explicarmos a motivación orixinaria e mais o significado do topónimo Abanqueiro. Do que non hai dúbida ningunha é este lugar é un paraíso máis dos que ten a ría de Arousa.
--
Bibliografía
- Bascuas, Edelmiro (2002) Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega. Anexo 51 de Verba. Universidade de Santiago de Compostela: Santiago de Compostela.
- Cabeza Quiles, Fernando (2008): Toponimia de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia.
- Fajardo Piñeiro, Manuel (1993): Historia e vida da ría de Arousa. Boiro: Club Náutico de Boiro
- Moralejo Álvarez, Juan José (2010): “Topónimos célticos en Galicia”. Palaeohispanica 10. Páx. 99-111
- Santos, Isabel (2013): “Abanqueiro, en Boiro”. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/firmas/2013/09/27/abanqueiro-boiro/0003_201309B27E2994.htm [Conlultado o 29/10/2024]
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…
En varias publicacións desta sección temos advertido que as aparencias poden enganar e o topónimo que exploramos hoxe A Reza…