Chaveanciños e Zamorela, dous topónimos replicantes de Chandrexa de Queixa

Nos estudos de toponimia coñécense como topónimos replicantes aqueles nomes de lugares que fan referencia a outras poboacións que xa existían con anterioridade e da que collen o nome con algunha modificación, normalmente engadíndolle un sufixo diminutivo. O proceso de creación destes topónimos replicantes respondeu a diferentes factores: persoas que se desprazan desde a poboación de orixe a outro lugar e crean unha nova; localidades ou aldeas que nacen nas proximidades doutra... Dous destes curiosos nomes de lugar atopámolos en Chandrexa de Queixa: Chaveanciños e Zamorela. 

Chaveanciños replica o nome de Chaveán mediante o sufixo diminutivo do galego común, -iño (latín - INUS). Chaveán e Chaveanciños son dous lugares que, ademais de estaren na mesma parroquia, están situados a só 500 metros, separados pola igrexa parroquial. É posible, pois, que ao nacer a nova aldea, situada nas proximidades de Chaveán, os habitantes que formaron o núcleo de Chaveanciños tomasen o lugar máis próximo como referente do novo asentamento. Incluso, é probable que fose xente orixinaria de Chavéan os que formasen o novo núcleo, de aí o plural usado a modo de xentilicio.

Chaveán é un antropotopónimo, isto é, un nome de lugar que ten orixe nun nome de persoa. Proceden do sintagma (VILLA) FLAVIANI, e indicaría na orixe a propiedade dunha persoa denominada FLAVIANUS. Este propietario da villae medieval tiña un nome, FLAVIANUS, que á súa vez é un xentilicio derivado de FLAVIUS, variante do adxectivo latino FLAVUS ‘amarelo, de pelo roibo’. Como antropónimo, Flavius foi un nome moi común na época romana que xurdiu como alcume, pois identificaba a persoas que posiblemente tivesen o pelo roibo, significado literal do adxectivo en latín. Malia que Chaveán é un topónimo único no Nomenclátor, rexistrámolo coa variante Chavián nos concellos de Sober e de Lugo.

Tamén é único en toda Galicia outro topónimo replicante que atopamos en Chandrexa de Queixa, Zamorela, localidade da freguesía de Requeixo. Este nome tamén resulta moi interesante por dous motivos: o primeiro, porque o diminutivo que emprega, -ela, procendente do latín -ELLA(M), non é rendible no galego desde a Idade Media (foi substituído pola forma -iña), o que denota a antigüidade desta entidade de poboación; o segundo, porque nos indica a procedencia dos seus primeiros poboadores: Zamora. 

O enigma do topónimo é sabermos como chegaron a asentárense algúns habitantes de Zamora a mais de douscentos quilómetros de distancia e se foron estes propios poboadores os que lle deron nome á nova localidade en que se asentaron ou se foron os veciños das localidades próximas os que lles puxeron ese nome.

Sexa como for, Zamorela e Chaveanciños son dous dos moitos topónimos replicantes que achamos no noso Nomenclátor, como Rianxiño de Rianxo, Asadelos de Asados, Arenteiriño de Arenteiro...

 
Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…