O reto do colexio SEI San Narciso de Marín: "1.000 topónimos para Marín"

O alumnado do colexio SEI San Narciso de Marín está a seguir os pasos do que noutrora fora secretario e profesor neste centro, Elixio Rivas Quintas, levando á plataforma Galicia Nomeada os topónimos que este sabio da cultura popular galega rexistrou na súa tese doutoral.

Don Elixio doutorouse no ano 1979 cun traballo sobre a toponimia de Marín, o primeiro que se facía integramente sobre os nomes de lugar dun concello galego. Esta tese foi publicada no ano 1982 co título Toponimia de Marín. Nela estúdase a orixe e significado non só dos nomes de parroquias e aldeas do concello, senón tamén de centos de microtopónimos. Son estes últimos os que o alumnado e profesorado do centro están xeolocalizando por medio da aplicación Galicia Nomeada.

Este proxecto escolar está dirixido polo profesor de lingua e académico correspondente Héctor Silveiro Fernández xunto co director do colexio Antonio Traba Miñones. Durante o curso escolar 2020-21, o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do colexio traballou intensamente para introducir un total de 450 microtopónimos na plataforma Galicia Nomeada, a maioría deles presentes no libro do irmán don Elixio e algúns totalmente inéditos.

Baixo o lema de “Súmate ao reto: 1.000 topónimos para Marín”, este equipo propúxose tres obxectivos fundamentais co seu proxecto toponímico: que o alumnado coñeza a obra de Elixio Rivas empregando as novas tecnoloxías, deste xeito coñecerán mellor a súa contorna e a historia dos seus antepasados; implicar neste proxecto cultural a toda a comunidade educativa do colexio; e involucrar tamén a familias, veciños, outros colexios e asociacións culturais do concello de Marín coa finalidade de sumar entre todos unha cifra superior a 1.000 topónimos xeolocalizados.

Como se pode ver neste vídeo, ademais de engadir nomes de lugar en Galicia Nomeada, fixeron unha investigación sobre os topónimos de Marín e os xentilicios das distintas parroquias, sobre as pedras e areais desaparecidos baixo as edificacións da escola naval e da zona portuaria; sobre os nomes das correntes fluviais que regan o territorio deste concello; sobre os elementos de interese cultural e sobre as lendas de tradición oral asociadas aos petróglifos.

Desde o proxecto Galicia Nomeada queremos darlle os parabéns a alumnado e profesorado do colexio SEI San Narciso de Marín por esta estupenda iniciativa de continuidade e difusión do traballo de Elixio Rivas Quintas e pola merecida homenaxe que lle renderon o día 21 de xuño; estamos seguros que ambas as dúas cousas fixeron moi feliz ao padre paúl. Desexamos que pronto acaden ese obxectivo dos 1.000 topónimos xeolocalizados no termo municipal marinense e agardamos que esta enriquecedora e didáctica experiencia sirva de inspiración para outros centros de ensino de Galicia.

Tamén che pode interesar...

As áreas de Igualdade e de Cultura do Concello de Allariz acaban de facer a presentación pública dun gran proxecto…