A rapazada de Meaño pon en valor a súa toponimia a través de Cantares de Cego

O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta en valor da súa toponimia tradicional do que queremos facernos eco. 

O proxecto Cantares de Cego do IES de Meaño quere vincular a nosa literatura tradicional co uso e divulgación dos nomes de lugar de Meaño, ao tempo que promove as relacións interxeracionais entre a cativada e os maiores meañeses. Está coordinado pola docente de Lingua e literatura galega, María Hervés, e contou coa participación e colaboración das profesoras Cristina Campo e Aránzazu Diñeiro, ademais da coordinadora da biblioteca, Cruz García. A idea orixinal de relacionar a toponimia coa creación dos romances populares partiu do proxecto didáctico “Longas terras” da cantora, improvisadora oral e docente Alba María Rodríguez.

Como podemos ver na imaxe e galería que abre este artigo, as alumnas e alumnos de 1º da ESO desprazáronse o 28 de febreiro ata o Centro Social  Polivalente As Covas en Meaño para compartiren cos seus usuarios uns cantares de cego que eles mesmos compuxeron onde os protagonistas son algúns dos centos de nomes de lugar que existen no termo municipal de Meaño.

Pero en realidade, a idea de traballar coa toponimia como ferramenta didáctica xurdiu no ano 2021 cando o alumnado deste instituto puido escoitar de forma telemática unha das charlas Toponimízate da campaña dese ano impartida por Vicente Feijoo, o coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG. Nela, Vicente faloulles á rapazada da importancia de poñer en valor a sabedoría dos nosos maiores, de salvagardar os seus amplos coñecementos sobre a nosa cultura popular e sobre o territorio que pisan. Un deses saberes é precisamente a microtoponimia e toda a tradición oral vencellada aos nomes dos lugares.

Esta charla resultou ben frutífera, xa non só por ser contribuír a que se levase a cabo esta fermosa e didáctica iniciativa no centro de maiores, senón porque o alumnado deste centro de ensino creou unha conta de usuario co nome do instituto en Galicia Nomeada coa que engadiron en pouco tempo máis dun cento de nomes de lugar do territorio en que viven. 

Deste xeito, cada alumno preguntou aos seus maiores polos nomes de lugar que coñecían nas súas aldeas e que foron especiais na súa vida, procurando abranguer todas as parroquias do municipio. Tras o traballo de campo, chegou o momento de escoller nas aulas que topónimos formarían parte das coplas, resultando gañadores Lores, As Covas, Constenla, Tanoira, Viliquín e Ameiró na aula de 1º A e Dena, Morouzos, Vilariño, O Outeiro, Dadín, Broullón e Paradela na de 1º B.

Seguidamente, as rapazas e rapaces puxéronse mans á obra para investigar a orixe e significado destes. Ademais do asesoramento nas aulas da súa profe María Hervés e das notas que tomaron sobre as etimoloxías dos topónimos maiores  do concello de Meaño durante o relatorio de Vicente Feijoo, tamén tiveron en conta o libro Por que se chama así este sitio?, un traballo da académica correspondente e membro do Seminario de Onomástica da RAG Luz Méndez que tenta achegar de forma sinxela a toponimia ao público escolar. 

Logo chegou o proceso creativo; o alumnado compuxo diferentes versos seguindo o modelo dos cantares de cego, coplas que servían para contar novas ou anécdotas que sucedían no contorno máis inmediato das aldeas e vilas. Idearon dúas personaxes protagonistas, Xiana e Xosé, engadíronlle rima e melodía e realizaron sete composicións ilustradas que se poden descargar nesta ligazón. O resultado non puido ser mellor.

En febreiro deste ano, os dous grupos de 1º da ESO fixeron a estrea dos seus cantares perante un público de excepción: as persoas usuarias do Centro Social  Polivalente As Covas do concello de Meaño. Alá foron cos seus carteis e as súas coplas nunha acción que tenta unir as dúas xeracións meañesas nun obxectivo común: pór en valor a súa toponimia e aprender con ela. 

Ademais esta acción pretende ir máis aló, pois o seguinte paso será visitar os centros de día de Meaño e preguntarlles ás persoas usuarias polos nomes de terras e montes que coñezan para intentar situalos no mapa e recuperalos para toda a cidadanía a través da plataforma Galicia Nomeada.

O proxecto do IES de Meaño é unha mostra máis das múltiples iniciativas didácticas que se poden realizar nun centro de ensino arredor da toponimia. Desde o proxecto Galicia Nomeada queremos darlles os nosos parabéns á rapazada e profesorado deste centro e convidámolos a seguir traballando así de ben na salvagarda e aproveitamento didáctico do seu patrimonio inmaterial.

Galería de imaxes
Tamén che pode interesar...