Este venres 23 de agosto tivo lugar en Cervás a presentación dun extraordinario traballo de recollida e rexistro da talasonimia, isto é, os nomes do mar e do litoral, elaborado por Francisco A. Mayobre Toimil, “Kiko de Cervás” e no que colaboraron tamén Ramón Infante e Víctor Garabana, membros os dous últimos da Asociación Ardóbriga, entidade cultural comprometida co proxecto Galicia Nomeada desde o lanzamento da plataforma colaborativa no ano 2019.
O traballo de Kiko Mayobre, denominado “As nosas ribeiras” tivo como obxectivo recuperar, para que non caian no esquecemento, os nomes da costa de catro concellos coruñeses, Cabanas, Fene, Ares e Mugardos, nun amplo territorio comprendido entre o areal da Madalena ou areal de Cabanas, tamén coñecido polos mariñeiros como praia das Vacas, ata o complexo industrial de Astano, xa no municipio de Fene.
O proxecto de recuperación dos topónimos tratou de ser o máis preciso posible na localización e na denominación. Inclúe ademais dos puntos xeográficos máis salientables, tales como puntas, cabos ou areais, outros nomes menos coñecidos para o público xeral, como pedras, cons, cercadas, baixos... Estes últimos son os que corren máis risco de desaparecer.
Para realizar este traballo, escolléronse como informantes aquelas persoas que mellor coñecían esta liña de costa, case todos eles experimentados mariñeiros e persoas que traballaron no mar. Entre eles figuran Antonio Luis Amado Vázquez “Perucho”, Melchor Fraguio, Ángel Antonio Fernández, Celestino Conezo Lorenzo, Antonio Pita Porta, César Pita Carretero, Paulino Cartelle Rodríguez, Andrés Pedre, José Mosquera Durán, Julio Rañales, Víctor Garabana Barros e Ramón Infante López. Merece unha especial mención Felipe Rebón Rebón, que faleceu recentemente e colaborou activamente con Kiko Mayobre desde o comezo do traballo.
O resultado deste traballo de recuperación xa forma parte da base de datos do proxecto Galicia Nomeada e calquera usuario de internet pode consultalo no visor de topónimos grazas ao inmenso traballo altruísta dos membros da Asociación Ardóbriga. Ademais de figuraren todos os microtopónimos sobre fotografías aéreas coa súa correcta localización, explícase a súa orixe ou motivación na ficha daqueles máis singulares. O proxecto tamén conta cun vídeo divulgativo que se poderá visualizar ao final deste post.
Desde Galicia Nomeada queremos darlle os nosos parabéns a Kiko de Cervás polo seu magnífico traballo de recuperación da talosonimia e aos membros da Asociación Ardóbriga, especialmente a Ramón Infante e Víctor Garabana, por introducilo en Galicia Nomeada e polo seu comprometido traballo a prol da cultura e da memoria deste país.
O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta…