Rozavales é o nome dunha entidade de poboación e dunha parroquia no concello de Monforte de Lemos; tamén aparece no Nomenclátor de Galicia como nome de dúas aldeas do concello de Manzaneda: Rozavales e O Souto de Rozavales.
Tradicionalmente, explicouse este topónimo como un composto de Roza (lat. RUPTIA, a través do verbo RUPTIARE) e mais Vales (lat. VALLIS), segundo propuxo Nicandro Ares (2011: 1097) ou Sánchez Estévez nos seus "Aspectos xerais da toponimia de Monforte”. Porén, Gonzalo Navaza, nun artigo publicado na revista Guavira das Letras en 2017, chegou a unha conclusión moi diferente. Desta teoría de Navaza tamén se fixo eco a prensa recentemente.
Segundo a tese de Navaza, os nomes de varias cidades galegas non son herdanza da toponimia antiga, senón creacións medievais que impuxo o rei Afonso IX no momento da concesión do seu foro ou da carta de poboación. Entre estas vilas destaca a da Coruña que foi tratada noutro artigo de xeito particular, onde o investigador teorizou sobre unha "orixe literaria" ligada ao Códice Calixtino. Mais non foi a única intervención rexia: Rozavales é, para Navaza, non só outro exemplo senón o máis temperán documentado e non ligado a unha carta de poboación.
Navaza argumenta que o nome antigo da freguesía de Rozavales do concello de Monforte chamábase Santa María de Salvadur. Porén, o 17 e abril de 1193, o rei concédelle a parroquia á confraría do Hospital de Roncesvales, fundada en 1127 polo bispo de Pamplona e dedicada ao auxilio dos peregrinos a Santiago, co obxectivo de prestarlles axuda aos que se dirixían a Compostela a través do establecemento dun hospital. Ao mesmo tempo, cámbialle o nome da parroquia. Pola súa banda, os Rozavales da freguesía de San Martiño de Manzaneda deben o seu topónimo a que foron lugares propiedade da mesma confraría administrados desde as terras de Lemos.
Este cambio denominativo "era frecuente (...) sobre todo cando os reis outorgaban as cartas de poboación a unha localidade, que supoñían algo así como a súa refundación. Afonso IX tamén cambiou nesa mesma época o nome de Monforte, que anteriormente se chamou Pino. O antigo nome foi conservado polo mosteiro de San Vicente do Pino porque se empeñaron os monxes", tal como comenta Navaza na prensa.
Grazas a este estudo, a asociación de Vilachá de Salvadur presentou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un informe técnico sobre o Camiño de Inverno co fin de solicitar o recoñecemento dunha variante desta ruta histórica.
Noutros artigos da sección Detrás do nome temos insistido na…
Os topónimos que coinciden con palabras do léxico común ou que están incluídas nos dicionarios xerais adoitan ter unha explicación ben…