A próxima versión do Nomenclátor de Galicia estará composta por case 43.000 topónimos oficial sumando os nomes de concellos, parroquias e aldeas de toda Galicia. Entre tanta riqueza, o normal é atoparmos topónimos exactamente iguais ou que comparten unha mesma raíz en diferentes partes do territorio, xa que as motivacións que explican o nacemento dun nome de lugar adoitan repetirse: características físicas do terreo -montes, ríos, vales...-; tipos de plantas e árbores; tipos de cultivos; diferentes animais salvaxes que habitaban o lugar; os traballos agrícolas e gandeiros; persoas cun mesmo nome ou alcume que fundaron diferentes lugares etc. Por iso, non deixamos de sorprendernos cando atopamos topónimos únicos en toda Galicia cada vez que estudamos os nomes das parroquias e entidades de poboación dos municipios que visitamos coa campaña Toponimízate. Ao prepararmos as etimoloxías para a charla de Dozón, as alfaias que nos marabillaron foron Moi e Mizoite.
Mizoite de Arriba e Mizoite de Abaixo son dúas aldeas da parroquia dozonesa do Castro. Este nome está rexistrado en cadeas onomásticas desde o século XIV en textos do mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón: Juan Martínez de Miçoyte (1303). Nun documento do Mosteiro de Oseira do ano 1335 rexistramos o primeiro testemuño do topónimo: “Fernando Dominges natural de Miçoyte”. A división do lugar tamén semella antiga: nun documento do ano 1414 atestamos “o lugar de Mizoite de Cima”, hoxe Mizoite de Arriba.
As formas antigas documentadas, Miçoyte, Micoyte, Mizoite e Mizote, non deitan moita luz para aclarar o seu significado. Segundo o académico Gonzalo Navaza, a quen acudimos decote para elaborarmos as etimoloxías da campaña Toponimízate, é probable que este topónimo teña orixe nun sobrenome ou nun antropónimo, a partir do nome medieval de orixe árabe Mahud, que tamén puido orixinar o nome de San Cebrián de Mazote, concello da comarca vallisoletana de Tierra de Campos.
Tamén é moi probable que Moi, lugar da parroquia dozonesa de Saa, teña unha orixe antroponímica semellante. Está documentado como Moe ou Mooe en documentos do mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón e de Oseira desde o século XIII. Segundo Gonzalo Navaza, a súa orixe talvez estea no nome persoal MAULO, a través dun xenitivo MAULONI. A caída dos -l- e -n- intervocálicos provocaría o encontro de catro vogais, *Mouoe, que se resolvería coa simplificación das tres primeiras, *Moooe > Mooe > Moe. Para chegar á forma actual Moi, prodúcese unha disimilación da vogal final.
A historia de Mondariz Balneario está estreitamente ligada ás súas augas e, sobre todo, á…
Como xa temos falado en reiteradas ocasións nesta páxina, a etimoloxía popular é un fenómeno lingüístico ben…