Nós non temos dúbida, en calquera punto de Galicia vívese moi ben... pero hai algúns lugares onde se vive mellor porque xa nolo din os seus nomes: Bembibre, en Val do Dubra, é un deles. Tamén o son as parroquias homónimas de Viana do Bolo e Taboada; a parroquia e entidade menor viguesa de Bembrive; e o lugar de Membribe, no concello lucense de Abadín.
Todos estes topónimos proceden do sintagma latino BENE VIVERE que literalmente significa ‘bo vivir’ ou ‘ben vivir’. Son o que os expertos en Onomástica denominan topónimos augurais ou propiciatorios, que indicaban unhas teóricas calidades positivas do lugar ao que se lle aplicaba e tiñan como finalidade incentivar a chegada de novos poboadores para asentarse no lugar. No país hai varios exemplos destes topónimos augurais: Salvaterra de Miño é outro, tal e como explicou Gonzalo Navaza neste vídeo da serie O Seminario de Onomástica responde.
Nieto Ballester tamén afirma que, noutros casos, estes topónimos propiciatorios facían referencia a fundacións relixiosas en que se desexaba que se vivise ben de acordo coas normas morais cristiás.
O Bembibre de Val do Dubra é un topónimo ben antigo: nun documento do ano 1181 que se conserva no Tombo da Catedral de Santiago de Compostela atéstase a freguesía de Scti Salvatoris de Benuiure. Agora ben, como moitos topónimos propagandísticos, é posible que Bembibre non fose a denominación orixinaria da parroquia e substituíse a outro topónimo. Exemplos desta substitución toponímica vémolos en Salvaterra (antes chamado Lazoiro), Benavente... Quizais Bembibre substituíu na denominación da parroquia o nome aplicado a toda a xurisdición, Terra de Dubra, pois nun documento do ano 1364 cítase a freguesía de “Sã Saluador de Duura”.
As tautoloxías, ou sexa, a repetición dunha mesma idea expresada de diferentes maneiras, é un fenómeno…
Moitas veces reparamos nesta sección naquelas xoias toponímicas que, por seren únicas, destacan entre os máis de 42.000 topónimos que…