Setados, un enigma toponímico 

O 7 de agosto de 1028, o rei Afonso V o Nobre afrontaba o asedio da cidade de Viseu na súa campaña de expansión cara ao sur tomando terras que pola altura formaban parte de Al Andalus. O calor sufocante obrigou ao rei a cometer un descoido: retirar a súa coiraza protectora. Un arqueiro non desaproveitou a ocasión e dun disparo certeiro, acabou coa vida do monarca. O relato deste episodio bélico aparece recollido na Crónica Xeral que escribiu no século XIII Afonso X e sérvenos para poder falar dun topónimo único no país, Setados, nome dunha parroquia do concello pontevedrés das Neves. O rei Sabio dedícalle un capítulo ao episodio en cuxo titular aparece unha palabra con que pode relacionarse o topónimo: “Cõmo el rrey dõ Afonso foy çercar Viseu et finou y de hũa seetada que llj derõ”.

Seta é unha voz galega moi frecuente no galego medieval, mais caeu en desuso na actualidade porque xa desde antigo viña sendo substituída por un dos seus sinónimos, frecha. Procede da voz latina SAGITTA, de aí os cultismos saxitado ‘que ten forma de frecha’, ou o nome da constelación do zodíaco que lembra un arqueiro portando un arco coa súa frecha, Saxitario. A partir do substantivo común creouse o verbo setar ‘alcanzar a alguén cunha frecha”, cuxo participio setada (saetada ou seetada na lingua medieval) sería sinónimo de frechazo.

A evolución fonética do étimo latino á voz do galego común provocou un encontro vocálico secundario tras a caída do <g> intervocálico. Nun primeiro momento resolveuse con hiato (SAGITTA > saeta), seguido de asimilación vocálica (seeta) para rematar coa posterior crase vocálica (seta). Todos estes pasos da evolución do substantivo poden comprobarse nos textos medievais galegos e son coincidentes co nome desta parroquia: en 1242 lemos “ecclesia Sancte Eugenie de Saetados”; en 1248 “casale de Seetados” e por último, xa en 1363, Sancte Eugenie de Setados (1363).

As coincidencias evolutiva, formal e fonética entre topónimo e o apelativo común non pasaron desapercibidas para os investigadores en toponimia. De feito, algúns autores sosteñen que o nome deste lugar puido proceder dos descendentes de alguén alcumado “O Setado”, por recibir nalgunha batalla o impacto desta arma. Agora ben, a proposta, aínda que viable, presenta algunhas reservas: nas principais bases de datos do galego antigo non se atesta o uso como alcume nin como apelido do termo setado, algo que sería esperable se fose un adxectivo de uso común. 

Por este motivo, cómpre explorar outras vías para explicar este topónimo único en toda Galicia. Unha delas atopouse na nosa tradición lexicográfica: na obra Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués,  Aníbal Otero define o termo do seta como ‘conxunto dos paneis dunha colmea’, polo que tamén podería facer referencia á profesión de apicultores dos primeiros habitantes do lugar. Sería, xa que logo, un topónimo sinónimo de Abelleiro, que se rexistra na freguesía do Val do concello coruñés de Narón.

As dúas hipóteses son verosímiles; aínda así, cos datos de que dispoñemos na actualidade é imposible chegar a deitar luz sobre este topónimo que ata 1907 foi a denominación oficial do concello das Neves. 
 

Tamén che pode interesar...

Fornelos e Valdanta son dúas das 18 parroquias que forman actualmente o concello do…

A voz do galego común pelouro é definida no Dicionario da Real Academia Galega como ‘pedra pequena…