A voz do galego común pelouro é definida no Dicionario da Real Academia Galega como ‘pedra pequena que a erosión tornou lisa e arredondada’ ou ‘pedra de tamaño considerable’. Esta segunda acepción poido motivar a aparición de moitos dos microtopónimos que inclúen o substantivo na súa denominación: é o caso, por exemplo, dunha formación lítica situada na costa de Bens no concello da Coruña xunto á Furna do Burro; ou dunha ladeira na freguesía arteixá de Loureda caracterizada pola presenza de pedras de gran tamaño.
Tendo en conta o anterior, o topónimo O Pelouriño, nome dunha aldea do concello do Pereiro de Aguiar, semella un orónimo de explicación ben doada: o sufixo -iño estaría a nos indicar unha pena dun tamaño menor ca un pelouro. Unha consulta no Dicionario de dicionarios confirma a priori esta teoría, pois así o define Marcial Valladares. Con todo, noutra das obras clásicas da nosa tradición lexicográfica, o Diccionario galego-castelán de Leandro Carré Alvarellos, atopamos a chave para darlle outra interpretación a este topónimo único no noso Nomenclátor: ‘columna de piedra junto a la cual se exponían y castigaban los criminales’.
Na orixe, os pelouriños foron elementos que polo xeral que servían de marco dun dos centos de xurisdicións que tivo Galicia no Antigo Réxime. Porén, alén desta función de delimitación, cumprían outro obxectivo, serviren para expor os reos á vergoña pública a xeito de escarmento e mesmo para sufrir castigos físicos. Un dos sinónimos deste termo, picota, inclúese na frase popular “estar na picota”, hoxe utilizada para afirmar que alguén está nunha situación de descrédito, pero cunha orixe máis terrorífica.
Regresando á aldea do Pereiro de Aguiar, hoxe non fica ningún vestixio de que noutrora houbese alí ningún pelouriño, como si acontece noutros lugares chamados A Picota ou O Rollo. Este feito pode deberse a que o Decreto do 6 de agosto de 1811 aboliu as xurisdicións e coa súa desaparición moitos dos elementos que marcaban a súa existencia foron retirados. O paso do tempo fixo tamén que se perdese a súa memoria.
Con todo, a toponimia, a hodonímica (os nomes das vías de comunicación) e as hemerotecas seguen a lembrarnos a existencia destes elementos tamén noutras partes do país: no veciño concello de Ourense, a documentación histórica permítenos descubrir que a actual rúa de Colón foi noutrora rúa do Pelouriño. O Boletín Oficial da Provincia de Ourense do 23 de marzo de 1850 dá conta da substitución desta e doutras denominacións de rúas por “otra más adoptable y menos ridícula”.
O 7 de agosto de 1028, o rei Afonso V o Nobre afrontaba o asedio da cidade de Viseu na súa campaña de expansión cara ao sur tomando…
Fornelos e Valdanta son dúas das 18 parroquias que forman actualmente o concello do…