Valdanta e Fornelos, dous topónimos do Bolo máis semellantes do que parecen

Fornelos e Valdanta son dúas das 18 parroquias que forman actualmente o concello do Bolo. Aparentemente, sería este o único vencello de unión entre elas, pois semellan nomes cunha orixe totalmente diferente; mais, xa temos comentado noutros artigos desta páxina que cómpre sermos cautelosos coas aparencias formais na toponimia, pois pódennos levar a engano.

Valdanta é un topónimo totalmente transparente: está formado pola aglutinación de tres elementos recoñecibles do galego común. O primeiro deles é Val, procedente do latín VALLEM, onde xa tiña o significado do substantivo do galego común val  ‘depresión do terreo entre montañas pola que flúe ou fluíu un curso de auga’ e por extensión ‘conca dun río’. Como topónimo, conta cunha ampla representación no Nomenclátor: con ou sen artigo nomea 40 lugares; ademais, no territorio galego rexístranse múltiplos derivados (Valiño, Valín, Vales), compostos (Valbón, Valboa...) e sintagmas toponímicos, coma este de Valdanta. 

O segundo substantivo coincide tamén con outra voz do galego común: anta. Procedente do termo latino ANTAM, que empregamos para designar unha ‘pedra grande chantada no chan, en particular as usadas para cerrar un terreo ou para soster un muro’. Por extensión, tamén ten os significados de ‘laxe dun monumento megalítico’. A partir desta segunda acepción, desenvolveuse o significado toponímico de ‘dolmen’ ou ‘menhir’ a través dun proceso de metonimia, isto é, designar un conxunto por un dos seus elementos. Os dous substantivos que conforman este topónimo, val e anta, están unidos polo nexo prepositivo de, con perda do -e final, fenómeno ben común na lingua oral e na toponimia. En conclusión, Valdanta faría referencia á conca dun curso fluvial que na cartografía aparece denominado como Regueiro de Paradela, onde debeu existir un menhir ou dolmen.

Como dixemos nas primeiras liñas deste artigo, aparentemente pouco tería que ver con Fornelos se soamente temos en conta o significado que nos ofrece Dicionario da Real Academia Galega para a palabra do léxico común fornelo ‘pequeno forno ou fogón, polo xeral portátil’. Trátase, xa que logo, dun derivado do termo latino FORNUS co sufixo diminutivo latino -ELLUS. Agora ben, está xeralmente aceptado que no ámbito toponímico os lugares chamados Fornelos fan referencia a ‘concavidades no terreo’ ou máis ben “á existencia de mámoas coas súas correspondentes antas  ou  dolmens,  tumbas  pétreas  do  período  megalítico”. Así queda recollido na obra Toponimia de Zas publicada na colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e da autoría de Xosé María Lema Suárez. Para chegar a este significado desde o xeral teríase producido un proceso metafórico polo cal a cámara sepulcral propia das mámoas foi interpretada pola súa aparencia como un forno. 

Tendo en conta o significado dos dous topónimo e as realidades que identificarían, Valdanta e Fornelos compartirían unha mesma motivación a través de palabras diferentes para referise a un mesmo elemento arqueolóxico: un dolmen. 
 

Tamén che pode interesar...

A voz do galego común pelouro é definida no Dicionario da Real Academia Galega como ‘pedra pequena…

Como adoita acontecer nos topónimos únicos ou con pouca representación no Nomenclátor, a orixe e significado de …