Sinoga e Xueus, dúas pegadas hebreas na toponimia de Outeiro de Rei?

O pasado venres 15 de outubro, a Campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegou ao concello de Outeiro de Rei. Nela, as persoas asistentes, ademais de aprenderen o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, descubriron a posible orixe dos topónimos do seu concello. Entre eles, Sinoga e Xueus, dous nomes de lugar que se relacionaron con posibles asentamentos hebreus en Outeiro de Rei.

Xueus é un nome de lugar único en todo o Nomenclátor de Galicia. Rexistrado no Tumbo de Sobrado como Iudeus e Iudeos xa no século X, Nicandro Ares ve nel un derivado da forma latina IUDAEUUS. Trataríase, por tanto, dun etnotopónimo que podería facer referencia á relixión que profesaba o primeiro dos moradores do territorio ou, tamén, un antrotopónimo que derivaría do seu alcume ou apelido.

No Nomenclátor non se rexistra ningún lugar denominado Xudeu ou Xudeus, a voz do galego común derivada de IUDAEUS. Con todo, existe unha Rúa dos Xudeus en Vilanova dos Infantes a nos indicar o lugar en que residían dentro do núcleo urbano; e tamén houbo un Rego dos Xudeus na cidade da Coruña que desembocaba no areal da Palloza xunto á Illa dos Xudeus. Neste lugar, descubríronse a finais do século XIX varias lápidas de hebreas dos séculos XII e XIII. A canalización do rego a comezos do século XX e as obras de ampliación do porto da cidade herculina, polas que a illa quedaría sepultada, levaron á perda dos dous topónimos.

Outro nome único en Galicia que está rexistrado en Outeiro de Rei é Sinoga. Para Santamarina, este topónimo e o Sinagoga de Muxía “Son as únicas reliquias das varias Sinagoga que hai documentadas na Idade Media”. A súa orixe é a voz grega Synagoga, cuxo significado primario era “reunión” que, por extensión, acabou dando o xeral de “Templo onde os xudeus se reúnen para o culto”. O Sinoga outeirao, por tanto, puido albergar no pasado un lugar sagrado de oración dos hebreos da contorna e, talvez, onde acudirían os habitantes de Xueus.

 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…