Trasancos, un orotopónimo ou un hidrotopónimo?

Trasancos é hoxe o nome dunha parroquia de Narón e doutra do municipio veciño de Ferrol, Santa Icía de Trasancos. Pero historicamente, Trasancos ou Terra de Trasancos, era o nome que identificaba o territorio comprendido polos actuais concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Valdoviño e San Sadurniño e tamén o que recibía o antigo arciprestado xa na División de Teodomiro (s. VI). 

Trasancos semella, nunha primeira ollada, un topónimo composto por dous elementos. O primeiro podería ser o sufixo Tras-, procedente do latín TRANS ‘detrás de’ ou ‘posición máis alá dun punto’, rendible no galego actual e cunha forte pegada na nosa toponimia: véxase, por exemplo, a parroquia guitiricense de Trasparga, situada máis aló de Parga, e ducias de topónimos transparentes como Trasponte, Trasmonte, Trasdoval, Trasouteiro...  

O enigma está no elemento que vén despois do sufixo. Que significa e cal é a orixe dese Ancos? A lexicografía dános unha das primeiras interpretacións que os etimoloxistas fixeron deste topónimo. Malia que non forma parte do repertorio léxico do actual Dicionario da Real Academia Galega, si aparece a palabra anco na súa primeira edición de comezos do século pasado e noutros dicionarios antigos. Neles, anco defínese como ‘ángulo ou revolta nun camiño, nunha montaña ou nas enseadas e nos portos’.  

Nicandro Ares non dubida que esta voz anco está relacionada non só con Trasancos, senón tamén con outros topónimos como Aveancos, Camposancos, Picos de Ancos e mesmo Os Ancares. Edelmiro Bascuas é da mesma opinión ao considerar que a palabra ancos é un “celtismo derivado de la raíz *ank-, *ang- ‘curvar’, raíz que deixou pegada no latín ANCUS ‘curvo’ e ANGULUS ‘ángulo’ e noutras linguas. Esta hipótese estaría referendada coa existencia, non moi lonxe das freguesías de Trasancos e Santa Icía de Trasancos, do monte Ancos, un altura no concello de Neda que goza dun espectacular panorama do fondo da ría de Ferrol e de grande parte da Terra de Trasancos.  

Agora ben, existe unha segunda teoría para explicar a orixe do topónimo Trasancos. Esta hipótese, defendida por Francisco Villar e exposta por Dolores González de la Peña, postula que estariamos antes un  hidrotopónimo prerromano, isto é, un nome referido ás augas. Daquela, ancos sería un derivado da palabra paleoeuropeo *AKWA ‘río’. Esta tese estaría referendada por unha inscrición atopada en 2001 nunha pequena placa de lousa que, segundo Edelmiro Bascuas, debe lerse VGE REBE TRASANCI o TRASAVCI (1), onde REBE sería o equivalente ao latín RIBU, polo que esta lousa estaría “dedicada de forma recurrente al río que forma el territorio de Trasancos o de detrás del río, es decir, al río Xuvia”. Por tanto, Ancos sería a denominación antiga do río Xuvia e o significado de Trasancos sería o dun territorio situado tras pasar a corrente fluvial, en semellanza ao territorio de Trastámara, detrás o río Tambre. 

Ante a pregunta de se Trasancos é un hidrotopónimo ou un orotopónimo, a resposta máis cautelosa é dicir  que a distancia entre nós e o primeiro testemuño do topónimo, máis de dous mil anos, dificultan que poidamos esclarecer esta dúbida. 

 

 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…